publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rosa Quintana inaugura en Teo as xornadas ‘O sector pesqueiro galego: trazando rumbos de futuro’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+
Rosa Quintana na xornada sobre o sector pesqueiro

Rosa Quintana na xornada sobre o sector pesqueiro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou este mediodía en Teo (A Coruña) as xornadas O sector pesqueiro galego: trazando rumbos de futuro nas que expertos e profesionais do mundo da pesca analizarán hoxe e mañá a situación actual do sector e debaterán sobre as vías de traballo para o seu futuro. Alí a conselleira fixo fincapé na importancia deste encontro para “facer un acertado diagnóstico e propor as solucións adecuadas aos problemas que hoxe ten o sector, para así afrontar o futuro con decisión”.

Neste sentido, sinalou que é clave “aprender do pasado, analizar o presente e orientarnos cara ao futuro”. Por iso, dixo, estas xornadas teñen como obxectivo tres cuestións básicas. Unha delas, explicou, é pór en común as diferentes visións da situación da actividade pesqueira de Galicia, “entendida como unha traza daquelas debilidades e ameazas que frean o seu desenvolvemento ou minoran a súa capacidade de xeración de riqueza e emprego”.

O segundo dos obxectivos é recompilar os argumentos dos tres eixes da actividade pesqueira (administración, sector e investigación aplicada á actividade) baixo a fórmula de fortalezas ou oportunidades e que poidan contribuír a resolver as inquedanzas dos profesionais do sector pesqueiro. A terceira das finalidades, engadiu a conselleira, é establecer as bases para a orientación das vías de traballo que permitan implementar as medidas oportunas e verificar a súa eficacia e eficiencia dentro da busca dunha pesca sustentable ambiental, económica e socialmente.

Neste sentido, o encontro englobará “tres cuestións fundamentais para garantir a viabilidade do sector pesqueiro”. Unha delas, explicou Rosa Quintana, é a estabilidade relativa, “a clave da bóveda que sustenta o reparto de cotas de pesca na UE e que supón a parte fundamental do marco decisivo que fai que a nosa frota non teña unhas posibilidades de pesca axeitadas ao seu potencial”.

Outro eixo de análise destas xornadas é a relación entre científicos, sector e administración, “unha chave de futuro en canto a que a recompilación de datos, a súa análise e o acerto no diagnóstico son cruciais para a sustentabilidade da pesca”, subliñou Rosa Quintana. O terceiro aspecto a tratar é a ordenación da pesca dentro e fóra das competencias da UE, “función fundamental na que centramos esforzos todas as partes”.

Rosa Quintana destacou a importancia do papel do sector nestas xornadas para marcar o rumbo de futuro, un camiño, dixo, no que contan co apoio da Xunta. Un apoio no eido normativo, “facendo que a orientación de abaixo arriba siga sendo unha máxima a aplicar a cada paso normativo” e neste sentido, especificou, “vai o noso compromiso de diálogo permanente”. Unha premisa, dixo, tamén no eido administrativo “para dar cumprida resposta ás cuestións plantexadas”.

No ámbito orzamentario, a conselleira destacou a negociación do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro, que “nos levou a avanzar no reparto porcentual no contexto español, pasando dun 44% no período 2007-2014 a un 51% para este período 2014-2020”. Neste período, sinalou, “disporemos de case 500 millóns para investir e apoiar ao sector, con preferencia para a pesca de baixura”.

As xornadas
O encontro O sector pesqueiro galego: trazando rumbos de futuro naceu a raíz da última reunión do pleno do Consello Galego de Pesca na que se analizaron os problemas que afectan ao sector marítimo-pesqueiro e á cadea mar-industria. Os temas obxecto de análise abordaranse en tres sesións, dúas celébranse hoxe e outra mañá. Ademais mañá pola tarde leranse as conclusións das xornadas e finalmente reunirase o pleno do Consello Galego de Pesca.

3 de maio de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.