publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Manuel Baltar apoia ás reivindicacións do Carballiño en materia de transportes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO CarballiñoOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, apoia as reivindicacións do alcalde e dos voceiros de todos os grupos políticos no Concello do Carballiño, reivindicacións que pasan pola mellora das comunicacións que O Carballiño ten coa capital ourensá. Na reunión que esta mañá mantivo o presidente da Deputación no Pazo Provincial cos representantes políticos na corporación carballiñesa, Manuel Baltar amosou o seu apoio ás xestións e negociacións diante do ADIF e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia para paliar a mala situación na que se atopan actualmente as comunicacións da vila do Carballiño coa capital de Ourense.

Xunto a Manuel Baltar, participaron na reunión o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os voceiros do PP, PSOE, BNG e Alternativa Veciñal, Argimiro Marnotes, Adolfo Nogueira, Xosé Francisco “Chema” Ferreiro e Bernardo García, respectivamente.

“Na reunión falamos das liñas de autobuses, da frecuencia do transporte ferroviario e, evidentemente, o goberno provincial apoia esta petición, e tamén é consciente de que outras das vilas máis poboadas da provincia atópanse nesta mesma situación de necesidade dunha mellora do transporte”, afirmou Manuel Baltar. Neste sentido, o presidente provincial dixo que vai instar a ADIF e á consellería “para que reciban canto antes a esta plataforma política, integrada por todos os voceiros dos grupos políticos da corporación local do Carballiño, con fin de que se poñan sobre a mesa todas as posibilidades, que pasan por mellorar a frecuencia de autobuses e de trens”.

Baltar tamén informou aos representantes políticos carballiñeses que no Plan de Mandato “Ourense 15-19″ figuran como actuacións en materia de mellora do transporte “unha iniciativa de Transporte a demanda (que está previsto implementar en xaneiro de 2018), que nestes momentos estamos xa a estudar por medio da realización dun plan piloto, e a posta en marcha da Rede Provincial de Transportes Públicos e dun metro de superficie (marzo de 2019), aproveitando a chegada do Tren de Alta Velocidade, para que a comunicación entre as vilas máis poboadas da provincia e a capital sexa máis efectiva e eficaz, e que o AVE sexa un beneficio non só para a capital senón tamén para os demais concellos da provincia de Ourense”.

 

12 de maio de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.