publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta convida a aproveitar os incentivos ao solo empresarial para emprender negocios e investir no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaLocal Portada
A-
A+
Intervención de Ethel Vázquez na inauguración das instalacións

Intervención de Ethel Vázquez na inauguración das instalacións

As conselleiras de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e do Medio Rural, Ángeles Vázquez, convidaron hoxe a aproveitar os incentivos e as facilidades existentes no acceso ao solo empresarial galego para emprender negocios e investir no rural, xerando así riqueza e emprego. Así o manifestaron durante a visita que realizaron á empresa Hauss Arquitectura Modular con motivo da inauguración das súas novas instalacións no parque empresarial de Arzúa.

Segundo lembrou Ethel Vázquez, este parque dispón aínda de 5.000 metros cadrados de solo industrial dispoñibles, dos que 3.000 poden adxudicarse ás empresas do sector primario a cambio dun alugueiro a prezos simbólicos. Salientou que esta nova fórmula, similar a un alugueiro a prezo simbólico con dereito a compra para facilitar novos proxectos, diminúe os riscos de investimento das empresas, que pagarán menos polo solo nos primeiros anos, precisamente cando teñen máis gastos.

Vázquez Mourelle destacou a importancia de impulsar e transformar o rural para fixar poboación e lograr que siga sendo un contorno privilexiado, pero tamén un espazo no que se cree actividade, emprego e riqueza. A responsable de Vivenda puxo como exemplo de aposta polo rural a empresa visitada hoxe, que mercaba o pasado ano 2.500 metros cadrados de superficie, que adquiriu á Xunta cun prezo bonificado nun 30%, aproveitando o concurso de venda de solo posto en marcha en 2015.

Esta empresa dedícase á construción de casas modulares de alta calidade, un novo concepto de vivendas máis funcionais, que se adecúan ás esixencias de cada familia, que poden ser ampliadas e adaptadas segundo as necesidades de espazo que precisen. A conselleira de Infraestruturas puxo en valor que Hauss aposta por unha construción eficiente e comprometida co medio, xa que constrúe baixo as premisas do aforro enerxético e de respecto polo contorno e pola paisaxe galega.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a importancia do Plan Leader, a través do cal foi subvencionado este proxecto. En concreto, facilitáronse preto de 175.000 euros (arredor do 30% do orzamento total) para a construción da nave na que se fabrican estas casa modulares. “O fin último do Leader é converter o rural nunha oportunidade real de vida e de emprendemento”, declarou Vázquez, que puxo de exemplo este caso, co que se logrará consolidar emprego no rural.

Unha das características destacadas deste plan é a súa filosofía de “abaixo-arriba” polo que son os propios Grupos de Desenvolvemento Rural das comarcas os que deciden que iniciativas apoiar. Neste caso foi o GDR Ulla-Tambre-Mandeo o que detectou o interese que para o territorio tiña este proxecto e dende a Consellería do Medio Rural non se dubidou en subvencionar.

“A través do Leader, e coma filosofía transversal de todo a Xunta, pretendemos que o rural non só sexa visto coma un refuxio obrigatorio, senón como unha oportunidade real de vida e de emprendemento”, destacou Ángeles Vázquez.

13 de maio de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.