publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta adiantará diñeiro a Fandicosta para renovar a súa actividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+
Europa Press

A Xunta de Galicia, a través do Igape e de XesGalicia, estuda “distintas posibilidades financeiras” para adiantar diñeiro a Fandicosta, ata que cobre as indemnizacións correspondentes por parte das aseguradoras, co fin de que a empresa poida reconstruír as súas instalacións, comprar maquinaria e renovar a súa actividade tras o incendio que destruíu a metade da planta de Moaña (Pontevedra).

Así o avanzou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen este mércores visitou as instalacións sinistradas, acompañado polo presidente de Fandicosta, Anxo Martínez; os conselleiros de Mar e de Economía, Emprego e Industria; e o delegado da Xunta na área de Vigo.

En declaracións aos medios, Núñez Feijóo sinalou que a dirección da empresa, que se dedica ao procesado de produtos do mar conxelados, trasladoulle a súa determinación de retomar a actividade e manter os empregos. “Se vai seguir traballando, a Xunta vai ser un aliado permanente de Fandicosta, para que recupere o cento por cento da súa actividade”, proclamou.

Nese sentido, pediu ás compañías aseguradoras que fagan rapidamente o balance de danos, para que a empresa poida cobrar as indemnizacións, algo sobre o que espera que “non haxa discusión”. De feito, pediu ás aseguradoras que, do mesmo xeito que Fandicosta estaba ao día nos pagos, elas se comporten da mesma maneira e abonen as indemnizacións.

“Mentres isto non ocorra, para non perder semanas, necesitamos adiantar determinado diñeiro, e aí entra a Xunta, até o final. Desde o principio, e ata que cobre as indemnizacións”, remarcou.

Por outra banda, confirmou que tanto a Consellería do Mar, como a de Economía, Emprego e Industria, serán as interlocutoras da Xunta que estarán en “contacto permanente” coa empresa, que prevé aplicar un ERE temporal a parte do persoal. Feijóo tamén avanzou que o Goberno galego está en contacto co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e co Ministerio de Industria para abordar a recuperación de Fandicosta.

COORDINACIÓN DE EMERXENCIAS

Por outra banda, e a preguntas dos medios, Núñez Feijóo referiuse aos supostos problemas de coordinación dos medios de emerxencias, denunciados pola Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia. Respecto diso afirmou que o 112 “ten que explicar os seus protocolos e o que fixeron neste caso”.

Segundo o presidente galego, “hai que concretar se os protocolos se activaron de forma correcta e todo funcionou de maneira inmediata”. Por iso, pediu aos servizos do 112 que aclaren “canto tardaron os bombeiros da zona, que os responsables de manter a seguridade ante este sinistro”.

En todo caso, apuntou as súas dúbidas de que se puido evitar o desenlace do incendio, porque “lamentablemente”, os materiais das naves e o amoníaco, son “de moi difícil extinción”.

Finalmente, quixo agradecer a intervención de todos os efectivos de bombeiros polo seu “bo traballo”, e por asumir mesmo riscos para a súa saúde nas tarefas de extinción. Tamén agradeceu especificamente aos Bombeiros de Vigo “que se puxesen a disposición” da central de emerxencias.

11 de maio de 2016 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.