publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras do colector xeral de Marín son licitadas por 2,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe as obras do colector xeral de Marín, unha actuación fundamental para este concello e, en xeral, para a Ría de Pontevedra. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (http://bit.ly/1pg2s5P) a resolución pola que se licita por 2,8 millóns de euros (2.841.833) esta actuación hidráulica, que tamén inclúe a execución dunha nova impulsión.

Augas de Galicia asume integramente o orzamento desta actuación que consistirá na substitución do colector xeral de Marín cunha lonxitude de case un quilómetro no tramo que discorre de forma paralela á Avenida de Ourense (zona do recinto portuario).

Tamén será preciso executar un novo bombeo que substituirá ao actual da Lonxa e que incorpora un depósito de retención de 2.000 m3 de capacidade total útil. Ademais, levarase a cabo unha nova impulsión dende o bombeo ata o colector xeral xa existente, que conduce as augas residuais á EDAR de Praceres.

Cómpre recordar que esta actuación intégrase no Plan de saneamento local da Ría de Pontevedra, cuxa adxudicación poderá formalizarse a mediados de maio; e complementan os investimentos realizados no Concello de Marín, pois entre 2012 e 2015 executáronse seis actuacións para mellorar a rede de sumidoiros nos núcleos rurais do concello, o que supuxo un investimento de 2,36 millóns de euros, dos cales a Xunta achegou un 80%.

Ademais, esta actuación tamén é acorde ao contido do novo Plan Hidrolóxico para a Demarcación Galicia-Costa, que conta cun orzamento total de 655 millóns de euros ata o ano 2021, dos cales un 65% (423 M€) corresponden ao Goberno galego.

O prazo para presentar ofertas a esta actuación, que se licita por un período de execución de 12 meses, é o 19 de maio.

20 de abril de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.