publicidade hoxe

A Xunta revela que moitas alegacións sobre Corcoesto apuntaban a que a empresa quería revender dereitos mineiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+
Europa Press

O director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, defendeu que o procedemento relativo á explotación da mina de ouro de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños (A Coruña), se tramitou “conforme á lei en todo momento”, despois de que a empresa Mineira de Corcoesto -a filial que creou a canadense Edgewater para explotar os terreos- acusara o Goberno galego de “presións” nunha demanda xudicial tras perder os seus dereitos mineiros para o proxecto.

En declaracións este xoves, Tahoces revelou que a Xunta recibiu “moitas alegacións” nas que “se deixou constancia” de que a empresa que quería explotar os terreos “non tiña viabilidade económica”, xa que “o que pretendía era, precisamente, coller uns dereitos mineiros, revendelos e obter unha substancial plusvalía”.

Na súa demanda, a empresa sinala directamente o director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, ao que atribúe un cambio “arbitrario” das regras do xogo “sorpresivamente” despois de obter a mineira “tódolos informes sectoriais favorables”.

Preguntado por esta cuestión, Tahoces deixou claro: “Tramitamos o procedemento conforme á lei en todo momento e nós non cambiamos as regras de xogo no último momento, nin muchísimo menos”.

Así, explicou que durante a tramitación do procedemento, o Goberno galego recibiu “centos de alegacións de cidadáns, de organizacións empresariais, de colectivos sociais e políticos”, que se “estudaron e analizaron”. “E en función da información que estivemos a recibir actuamos en consecuencia”, aseverou.

De tal forma, ante as alegacións “reiteradas” sobre a falta de viabilidade económica da empresa e a súa intención de “revender” os dereitos mineiros, o Executivo autonómico “pediu os informes sectoriais correspondentes aos órganos específicos correspondentes”.

“Deixar constancia de que en todo momento as nosas actuacións. dende un punto de vista administrativo. estiveron avaladas por informes concretos e específicos pola asesoría xurídica da Xunta”, garantiu.

“PRESIÓNS DE QUEN?, DE QUE?”

Sobre as acusacións da empresa á Xunta dunha “singular forma de proceder” na tramitación do proxecto, nas que asegura que se lle denegou o proxecto mineiro pola súa “negativa” a “ceder ante determinadas presións”, Anxo Bernardo Tahoces dixo “non entender a estratexia de defensa xurídica”.

“¿Presións de quen?, ¿de que?, non sei o que é isto, para min non ten significación ningunha”, asegurou en declaracións. “Non entendo nin tan siquiera esa linguaxe nin esta estratexia de defensa xurídica por parte da empresa, non o entendo, para min é incomprensible e inintiligible o que a empresa quere transmitir”, resolveu.

21 de abril de 2016 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.