publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra cede tres novas oficinas no viveiro de Barro-Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroMeisPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou, está mañá, tres novos contratos para a cesión das oficinas 6, 11 e 12 do viveiro de Barro-Meis. A primeira das oficinas será ocupada por COPERFRUIT S. L., empresa dedicada á importación e exportación de froitas. Pola súa banda, María Margarita Ferreira Pereira contará coa cesión das oficinas 11 e 12, a primeira delas para proporcionarlles servizos de asesoramento a persoas que queiran desempeñar a súa actividade no rural e a segunda para asesorar a mulleres profesionais e emprendedoras que desenvolvan o seu traballo na mesma área.

Silva destacou a importancia de que esta sinatura se realice con mulleres, xa que “é fundamental que ocupemos o espazo que merecemos no sector da economía e o emprendemento”. Ademais, a presidenta da Deputación fixo especial fincapé no problema que padece a provincia no rural, pois “o seu despoboamento significa o abandono do entorno. A calidade do noso solo fai necesaria a existencia de emprendedores e emprendedoras que aposten polo rural”.

A través destes viveiros a Deputación de Pontevedra pretende acoller temporalmente novas empresas, acompañándoas e prestándolles servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto co fin de facilitar o desenvolvemento de iniciativas económicas de interese para a provincia.

O viveiro de empresas radicado no polígono de Barro-Meis dispón de 16 naves dunha superficie variable (entre 54,75 m² e 111,10 m²); 24 oficinas (de 18 m² a 25 m²); e tres espazos de 37 m² cada un, con capacidade para 12 postos de coworking. Na actualidade están ocupadas catro das 24 oficinas e dúas das 16 naves dispoñibles. Ademais das empresas xa establecidas hai tres máis interesadas no uso destes espazos.

25 de abril de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.