publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural impulsa a posta en valor na produción de pementos de Herbón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodroLocal PortadaPadrónPontecesuresRoisValga
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión coa SAT A Pementeira

Ángeles Vázquez na reunión coa SAT A Pementeira

A Consellería do Medio Rural impulsa a posta en valor, a mellora da comercialización e a aplicación do I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e innovación) ás producións agroalimentarias galegas e nomeadamente aos pementos de Herbón, en colaboración coa Denominación de Orixe Protexida (DOP) que ampara este produto. Así o destacou a conselleira Ángeles Vázquez na xuntanza que mantivo coa directiva da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) “A Pementeira”, situada no concello coruñés de Padrón e que comercializa os afamados pementos co indicativo de calidade desta DOP.

As responsables desta SAT presentaron á conselleira a marmelada de pementos, un innovador produto que obtivo un gran éxito no mercado e que favorece a ruptura da estacionalidade no proceso de comercialización, xa que a venda de pementos está limitada ao período maio-outubro, mentres que esta conserva pode consumirse todo o ano. Deste xeito, ademais, avánzase na diferenciación do produto, dándolle un valor engadido e mellorando a súa presenza nos mercados.

Ángeles Vázquez analizou coas pementeiras a situación actual e perspectivas en canto á produción e venda de pementos e reiteroulles o apoio da Xunta á súa actividade. Lembrou que no ano 2014 a Consellería achegou máis de 16.000 euros ao Consello Regulador desta DOP en concepto de axudas para gastos de funcionamento e promoción do produto amparado.

Por parte de Medio Rural estase a traballar tamén no eido da xenética dos pementos, co fin de garantir a conservación dos recursos xenéticos e estudar as variedades que mellor se adaptan ao mercado, en función das demandas dos consumidores. Esta actuación coordínase desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no marco do labor investigador dos recursos fitoxenéticos da horta galega.

Datos da DOP

Baixo o paraugas desta DOP producíronse en 2014 un total de 88.462 quilos de pementos, cun valor económico estimado que superou os 250.000 euros. A data de 31 de decembro dese mesmo ano había un total de 41 produtores amparados, así como 8 almacenistas e envasadores. A área de produción e envasado de pementos cuberta por esta denominación abrangue os termos municipais de Padrón, Dodro e Rois na provincia da Coruña e Pontecesures e Valga na de Pontevedra.

23 de marzo de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.