publicidade hoxe

Medio Rural destina un importe de 3,5 millóns de euros en axudas para o desenvolvemento de pequenas explotacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de Rei
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á explotación

Ángeles Vázquez na visita á explotación

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá no concello lugués de Castro de Rei dúas explotacións de gando vacún, unha para produción de leite e outra de carne, onde lembrou que está aberto o prazo para solicitar as axudas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cun orzamento para este ano de 3,5 millóns de euros, ata o vindeiro 2 de abril.

Ángeles Vázquez destacou que esta liña de achegas está destinada aos titulares de pequenas explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que teñan a capacitación profesional suficiente, residan na comarca na que radique a explotación ou nunha limítrofe e, sendo maiores de idade, non teñan acadado a idade de xubilación.

Así mesmo, a conselleira sinalou que as explotacións beneficiarias destas axudas requirirán, como mínimo, dun volume de traballo equivalente á metade dunha Unidade de Traballo Agrario (UTA) imputable ao titular e manterase a lo menos os 5 anos posteriores ao pago final da axuda.

A conselleira coñeceu de primeira man as instalacións de ambas explotacións, cuxa titularidade recae na muller. Neste senso, Ángeles Vázquez felicitou ás propietarias e subliñou que o seu departamento ten como obxectivo fundamental elevar a porcentaxe de mulleres que acceden á titularidade ou cotitularidade de explotacións agrarias, acadando ou superando o 50%.

Ángeles Vázquez engadiu que se as mulleres tiveran o mesmo acceso aos recursos produtivos que os homes podería incrementarse o rendemento das explotacións agrícolas entre un 20 e un 30%, polo que é imprescindible acabar coa brecha de xénero no agro galego.

Axudas para o agro

Tamén está aberto o prazo de presentación de solicitudes para as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e incorporación de agricultores mozos, cun orzamento de 36 e 18 millóns de euros respectivamente.

No caso das achegas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, requírese ser titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia e levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación. Por outra banda, as axudas para a creación de empresas para os agricultores mozos están destinadas a aquelas persoas que, habendo cumprido os 18 anos e non chegando aos 41, desexen crear ou incorporarse a unha actividade agraria e acaden a capacitación profesional suficiente.

Explotacións visitadas

A titular do departamento de Medio Rural visitou a explotación de Ana María Teijeiro Castro, dedicada á produción de carne. Conta cun total de 70 animais: 40 de máis de 24 meses de idade, 16 con idade entre 6 e 24 meses, e 14 de menos de 6 meses. A totalidade dos animais son de raza Limiá.

A outra explotación visitada foi a de Mª Carmen Barreiro Irimía, dedicada á produción de leite. Neste caso, conta cun total de 185 animais: 105 de máis de 24 meses de idade, 55 con idade entre 6 e 24 meses, e 25 de menos de 6 meses; sendo a totalidade dos animais de raza Frisona.

21 de marzo de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.