publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez anuncia un investimento de 680.000 euros no reforzo de firme da estrada AC-305

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde, Juan José Dieste, anunciou hoxe en Boiro o inicio da contratación das obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-305, que beneficiará, directamente, a catro municipios da comarca do Barbanza, e que suporá un investimento de 680.000 euros.

Esta acción de reforzo do firme na estrada entre Padrón e Ribeira suporá, ademais dunha maior seguridade, unha superior comodidade aos usuarios que circulan por esta vía, moi frecuentada no verán e, ademais para os habitantes dos catro municipios onde se realizarán as obras: Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Na localidade de Boiro, Ethel Vázquez explicou que se ían investir 216.000 euros e se traballará na Travesía de Boiro, na de Escarabote; e no treito situado entre Ponte Beluso e Cespón.

Coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da licitación destas actuacións, a previsión da Xunta é iniciar as obras este mesmo verán, que terán un prazo de execución de 6 meses, cando as condicións meterolóxicas sexan máis favorables.

A responsable de Infraestruturas do Goberno galego destacou o esforzo que está a facer a Xunta en materia de seguridade viaria, “proba disto”, remarcou, “é que, ademais desta intervención, o Diario Oficial de Galicia tamén publica este luns a licitación doutros tres contratos correspondentes á mellora de estradas das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra”. Dese xeito, sinalou que “no día de hoxe estamos a impulsar a contratación das obras de reforzos de firme en 11 estradas das 4 provincias galegas que suporán un investimento de 2,5 M €”.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o Goberno galego desde o convencemento de que priorizar a conservación das estradas autonómicas e investir na súa mellora é “velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos”, subliñou a conselleira.

Senda peonil

Por outra banda a conselleira de Infraestruturas e Vivenda informou ao alcalde que as obras de construción da senda peonil na estrada AC-305, en Boiro, xa están adxudicadas, tal como o indicara o pasado mes de febreiro. Esta obra, que se levará a cabo ao longo do quilómetro que separa a Travesía de Boiro da Cruz Vermella. Esta acción iniciarase próximamente para que, no contorno do verán, os veciños de Boiro poidan desprazarse con maior seguridade viaria.

A senda peonil prevista, que terá un investimento de máis de 160.000 euros, partirá das beirarrúas existentes no P.Q. 22+720 na travesía de Boiro cara ao enlace con la AG-11, continuando cara as instalacións da Cruz Vermella na contorna do pq. 21+790. Concretamente, saíndo desde Boiro cara a Vilariño, proponse a súa execución pola marxe esquerda hasta cruzar o paso inferior coa AG-11; para, posteriormente, pasar á outra marxe hasta o punto quilométrico 22+000 onde volta á marxe esquerda.

Esta implantación trata de aproveitar o espazo existente no dominio público da estrada, facilitando os movementos para os peóns e evitando a invasión da plataforma existente.

21 de marzo de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.