publicidade hoxe

Cores Tourís destaca o investimento de medio millón de euros que se destinou ás parcelarias de Godos e Saiar, en Caldas de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+
Cores Tourís na visita a Caldas de Reis

Cores Tourís na visita a Caldas de Reis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Medio Rural está a investir no presente ano 520.000 euros nas concentracións parcelarias de Saiar e Godos en Caldas de Reis, levando a cabo a mellora do firme nas vías en peor estado así como o acondicionamento de predios.

O delegado territorial visitou o concello de Caldas de Reis para informar destas novas ao alcalde da localidade, Juan Manuel Rey, así como a Xunta Local da parcelaria de Godos, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, e ao portavoz do PP da localidade, Manuel Cortés.

Deste xeito, a Consellería de Medio Rural está xa a executar en Saiar diversas obras adxudicadas a finais de 2015 por un montante de 335.000 euros, aos que se sumarán outros 100.000 máis para o presente ano. En Godos, serán 85.000 euros os que, este ano, permitirán levar a cabo a revisión e adaptación da zona de reestruturación, así como para os acordos das fincas de cada propietario. Ademais, tamén se levará a cabo o arranxo do firme e formigonado de varios camiños. “O obxectivo é poder entregar de xeito provisional as fincas aos veciños desta parroquia para que poidan iniciar a actividade agraria nas mesmas e así darlle pulo a esta concentración”, explicou Cores Tourís.

A parcelaria de Godos conta cunha superficie a concentrar de 397 hectáreas, con 3.571 parcelas e 603 beneficiarios. Nestes intres, estase á espera da resolución de varios recuros a bases definitivas.

No caso da concentración de Saiar, nestes intres estase a levar a cabo a mellora do firme de varias vías que se atopan en mal estado e tamén se está a acondicionar os predios resultantes do acordo da zona de concentración parcelaria. “Durante o presente ano destinaranse 100.000 euros para complementar obras na concentración desta parroquia”, explicou Cores Tourís.

Saiar conta cunha superficie a concentrar de 947 hectáreas, con 13.426 parcelas iniciais convertidas en 2.423 e 1.030 propietarios.

Achega de 22 millóns de euros

José Manuel Cores Tourís recordou a importancia de continuar cos procesos de concentración parcelaria, xa que permitirá mellorar a rendibilidade da actividade produtiva e facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario. Ademais, a parcelaria axuda tamén a minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros, potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental, así como reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas.

O delegado territorial recordou que a semana pasada o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avanzou a achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. “Na provincia de Pontevedra serán 10 millóns de euros os que se investirán nas parcelarias, é dicir, case o 45% do total previsto pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís.

O obxectivo é multiplicar por tres o investimento dedicado a este fin, de cara a rematar as 137 zonas activas, que supoñen preto de 120.000 hectáreas, un millón de parcelas e 100.000 propietarios, e empezar a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras.

A Xunta pretende finalizar administrativamente todas as concentración parcelarias iniciadas en Galicia nun prazo de catro anos. A orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.

23 de marzo de 2016 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.