publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Chega a Tomiño a mostra itinerante “Mulleres en acción: violencia zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraTomiño
A-
A+

Co motivo do Día Internacional da Muller o mercado municipal de Tomiño acollerá mañá, ás 12:00 horas, a inauguración da mostra que recolle os resultados do proxecto de acción artística contemporánea “Mulleres en acción: Violencia Zero”, levado a cabo o pasado 25 de novembro no espazo público de dez concellos da provincia, entre os que se atopaba Tomiño. Esta mostra itinerante percorrerá os concellos nos que se desenvolveu o proxecto co obxectivo de reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista no noso país e, por extensión, no mundo.

O proxecto “Mulleres en acción: violencia zero” foi unha proposta que se desenvolveu o pasado 25 de novembro nos concellos de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e, ao tempo, promover a visibilidade das artistas novas galegas, realizando un achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, da experiencia e da creación colectiva, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Artistas coma Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de dar corpo a “Mulleres en acción: violencia zero”. Os resultados das súas performances poderán verse a partir de mañá e durante todo o mes de marzo en Tomiño; en abril en Lalín; en maio en Tui; en xuño en Moaña; en xullo en Redondela; en agosto en Vilagarcía de Arousa; en setembro en Cangas; en outubro en Caldas de Reis; e, finalmente, en novembro en Vigo.

7 de marzo de 2016 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.