publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A neve e a néboa dificultan a circulación en varias estradas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GudiñaBecerreáLugoMondoñedoMurasOurensePedrafita do Cebreiro
A-
A+

A neve, a néboa e o vento dificultan á primeira hora deste luns a circulación en varias estradas da rede principal das provincias de Lugo e Ourense, sobre todo na zona de montaña. Segundo a información da Dirección Xeral de Tráfico, a neve está a causar problemas na localidade lucense de Pedrafita do Cebreiro, onde a LU-630 está pechada a camións e vehículos articulados e a circulación é irregular.

Tamén rexistra algún problema a A-6 ao seu paso por este municipio onde, aínda que o aviso é de nivel verde, as condicións de circulación son difíciles entre os quilómetros 432 e 440.

Ademais, a neve condiciona a circulación na autovía A-52 ao seu paso pola Gudiña (Ourense), entre os quilómetros 113 e 132, nos que se require transitar con precaución.

Finalmente, o vento e a néboa manteñen activada a alerta na autovía A-8 ao seu paso por Mondoñedo (Lugo), onde tamén é necesario extremar as precaucións de circulación.

OUTRAS INCIDENCIAS

Por outra banda, continúa activa unha incidencia que mantén cortado un carril de circulación na LU-722, en Becerreá (Lugo) por mor de desprendementos. Os vehículos circulan de forma alternada por un único carril e poden producirse retencións.

Así mesmo, a LU-540 en Muras (Lugo) tamén permanece cortada desde o quilómetro 29,5 ao 31 por inundacións rexistradas desde a semana pasada.

7 de marzo de 2016 | 10:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.