publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Raquel Arias anima aos concellos lugueses a solicitar novos obradoiros de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaCervoLugoXove
A-
A+
Raquel Arias na clausura dos obradoiros

Raquel Arias na clausura dos obradoiros

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou na clausura do obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove III, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Arias, que estivo acompañada polos alcaldes de Cervo e Xove, Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro, respectivamente, e polo segunda tenente alcalde de Burela, Patricia Otero, explicou que, “con este tipo de iniciativas, a Xunta de Galicia busca promover a empregabilidade das persoas que se encontran no paro ao facilitarlles o acceso a unha formación práctica e a un traballo remunerado”.

A delegada interesouse polo aproveitamento que os 20 alumnos-traballadores fixeron do taller de emprego e quixo saber cales eran as súas inquedanzas de cara a súa incorporación ao mercado laboral.

“A día de hoxe”, díxolles, “contades con maiores posibilidades de atopar un traballo porque, durante os seis meses que durou o taller, formástesvos, pero tamén adquiristes unha experiencia laboral que valorarán os vosos futuros empregadores”.

Raquel Arias asegurou que a consellería que dirixe Francisco Conde seguirá apostando polos obradoiros “como ferramenta para promover a inserción laboral” e, neste senso indicou que a Xunta dedicará este ano preto de 14 millóns ao financiamento destas iniciativas, polo que animou aos concellos a solicitar este tipo de programas de formación.

“Todos somos conscientes de que canto maior sexa a cualificación e as competencias dos nosos traballadores, maiores son as posibilidades de acceso ao mercado de traballo. Por elo, o orzamento da Consellería para as política activas de emprego aumenta un 15% este ano, focalizándose no impulso do emprego e no fomento da formación”, engadiu a delegada.

Cinco obradoiros na Mariña

O obradoiro que compartiron Burela, Cervo e Xove contou cun orzamento de máis de 178.000 euros, e impartiu as especialidades de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, en Cervo e Xove, e de pintura decorativa en construción en Burela.

Cabe sinalar que “os traballos realizados polos alumnos-traballadores repercuten na mellora dos espazos públicos dos municipios participantes no programa”, tal e como quixo resaltar Raquel Arias, e, polo tanto, “no beneficio dos seus veciños”.

Entre as actuacións levadas a cabo, figuran o acondicionamento do entorno da antiga fábrica de salgadura de San Cibrao e o da área recreativa de Lieiro, no Concello de Cervo; a restauración da senda fluvial da ruta dos muíños do río da Rigueira, en Xove; e accións de mantemento e conservación do edificio multiusos, do antigo centro de formación ocupacional e do cemiterio municipal de Burela, entre outros traballos de mellora realizados en parques, fontes e outras zonas de uso público destes municipios.

Na comarca da Mariña a Xunta de Galicia financiou nos últimos meses, con 842.000 euros, o desenvolvemento de cinco obradoiros nos que se formaron e traballaron 95 persoas de 13 concellos.

2 de febreiro de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.