publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Club Río Deza organiza as Xornadas de Pesca coa Feira Internacional de Galicia ABANCA e A Carixa como escenarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilledaVila de Cruces
A-
A+

O Club de Pesca Deportiva Río Deza organiza esta fin de semana as súas Xornadas de Pesca, nas cales están inscritos en torno a 70 participantes de distintos puntos da comunidade galega.

Mañá estas xornadas desenvolveranse no edificio do Auditorio do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA a partir das 11.00horas, impartíndose ao longo do día dous relatorios. 

O primeiro deles versará sobre “A troita común: a súa alimentación e as nosas moscas”, sendo o biólogo Alberto Mera quen aborde este tema. Durante a súa intervención falará do hábitat natural que supoñen os nosos ríos e dos invertebrados que os poboan e que conforman a base da alimentación da troita.  No seu marco Mera realizarán ademais unha demostración de montaxe de moscas artificiais. 

O segundo dos relatorios centrarase nas distintas técnicas de pesca a mosca, montaxes e trucos, que serán explicados polo actual Campión do Mundo de Pesca a Mosca, o leonés Pablo Castro Pinos, un deportista recoñecido a nivel mundial e cun amplo palmarés. 

Xa o domingo as Xornadas trasladaranse á praia fluvial de A Carixa, onde Castro Pinos realizará demostracións de pesca a mosca,sempre e cando o tempo acompañe. 

Club de Pesca Deportiva Río Deza 

Estas Xornadas de Pesca incardínanse no intenso labor de fomento deste deporte que realiza o Club de Pesca Deportiva Río Deza, o cal dende fai anos organiza con este obxectivo tanto estas xornadas como outras actividades. Sobre a cita desta fin de semana a súa directiva agradece “o apoio das empresas colaboradoras, xa que sen elas non sería posible levar a cabo esta actividade”. 

Esta sociedade, dedicada case en exclusiva á pesca a mosca, conta na actualidade cuns 60 socios de toda Galicia, sendo unha das máis representativas do panorama galego.

26 de febreiro de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.