publicidade hoxe

Nove comparsas do Grove participarán no Festival deste sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

Logo de que rematara o prazo de inscrición para participar no Festival de Comparsas do Grove foron 13 as agrupacións que presentaron a solicitude. Deste total 9 son conxuntos locais mentres que as 4 restantes procedían de outros lugares. As bases do concurso establecen un máximo de 10 comparsas no evento tendo preferencia as do Grove. Deste xeito serán as nove locais as que participen ás que se sumará unha décima que é elixida por rigoroso orde de inscrición. Así, “Os Trancheiros” de Vilagarcía serán os que abran o Festival de Comparsas de 2016.

No referido ás comparsas do Grove, e como xa é habitual, a orde de actuación determinarase nun sorteo que terá lugar mañá, xoves, ás 20.30 horas no Concello. No bombo para ese sorteo estarán “Os Firrás”, “Os Groveiros”, “Os da Casualidá”, “Leña Verde”, “Os caramuxos afojados pola ameixa japónica”, “Os One´sBinBand”, “As + Plus”, “Os Arrombados” e “Os da Bayuca”.

Aforo limitado 

Dende o Concello do Grove quere incidirse en que, no cumprimento das normas de seguridade para un evento destas características, o aforo do pavillón de Deportes do Monte da Vila atópase limitado a 1.100 persoas, tal e como se tiña establecido en anos anteriores. Deste xeito este será o número máximo de entradas que serán postas a venda (a un prezo de 3 euros) durante todo o sábado. As caixas de venda estarán abertas entre as 11.30 horas e as 13.30 horas e a partires das 16.30 pola tarde.

A Policía Local e o persoal de emerxencias encargarase de coordinar o dispositivo de seguridade deste e dos distintos eventos programados. No relativo ao Festival do sábado, os víais de acceso ao pavillón serán restrinxidos ao tráfico dende primeira hora da tarde, facilitando o acceso aos encargados da montaxe e as propias comparsas.

Para un mellor desenvolvemento da Festa e para facilitar o fluxo de xente, habilitarase unha pequena carpa na entrada do pavillón onde as comparsas poderán vender as súas historias, o que permite que os asistentes poidan adquirilas máis facilmente e os membros da comparsas non teñan que cruzar as gradas para realizar a venda. 

Lémbrase que, ademais do Festival no pavillón de Deportes, as comparsas farán as súas tradicionais rutas “de bares” o domingo pola mañá e o martes de Entroido, contando cun día engadido nesta ocasión, o mércores que está marcado como festividade local. A todo isto engádense as actuacións previstas en San Vicente para o sábado 13 e o domingo 14. 

3 de febreiro de 2016 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.