publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís supervisa as melloras realizadas no serradoiro da firma Seistag en Vila de Cruces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita a Seistag

Cores Tourís na visita a Seistag

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, e do alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, a empresa Seistag Innovación, onde nos últimos meses levaron a cabo obras de mellora do serradoiro grazas a unha liña de axudas da Consellería de Medio Rural.

A Sociedade Seistag Innovación naceu en 2013 co obxectivo de prestar servizos técnicos e de enxeñería. A súa facturación rolda os 11,5 millóns de euros e conta con 6 traballadores. Unha parte do seu negocio dedicase á comercialización internacional de produtos forestais e a innovación en produtos de madeira.

O serradoiro co que contan na actualidade en Vila de Cruces foi alugado de cara a poder dotarse de medios propios para a fabricación de produtos de alta demanda nos mercados de Oriente Próximo e Norte de África.

Para mellorar estas instalacións solicitaron unha axuda á Consellería de Medio Rural en 2015 a través da liña destinada a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, na que obtiveron máis de 177.000 euros dos case 400.000 que supuxo o investimento realizado.

Así, no serradoiro executáronse traballos de acondicionamento e pavimentación, ademais de adquirirse dúas serras, unha rozadora automática e unha tándem vertical que permitirán a fabricación de certas medidas de madeira que non existen en Galicia, pero que si contan con gran demanda internacional. “Estamos a falar de táboas de 3 a 3,6 metros moi demandadas en certos destinos”, explicou o portavoz da empresa, Ismael Ameneiros, quen engadiu que “o volume de produción esperado é de 4.400 metros cúbicos de táboa”.

Neste sentido, o delegado territorial valorou a importancia da modernización das instalacións e equipamentos deste tipo de empresas, xa que a innovación supón maior competitividade, subliñou. “Todo isto”, indicou Cores Tourís, “redunda na posta en valor da calidade dos produtos primarios de Galicia, unha das apostas do Goberno Galego. Apostar polo rural é sinónimo de riqueza e benestar”.

Dentro desta mesma liña de axudas, a Consellería destinou un total de 2,6 millóns de euros para a provincia de Pontevedra de cara a execución de obras e melloras por un montante de 8,6 millóns de euros en empresas cárnicas, de pensos e fariñas, de pratos preparados, así como do sector forestal, lácteo, da froita e do pan. Estas achegas tiveron como finalidade incentivar investimentos como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos.

2 de febreiro de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.