publicidade hoxe

O conselleiro de Educación visita o IES María Sarmiento de Viveiro que se ampliará este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao centro

Román Rodríguez na visita ao centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES María Sarmiento de Viveiro, onde este ano se acometerá unha ampliación de instalacións co obxectivo de dar resposta ás necesidades derivadas da implantación de dous ciclos de Formación Profesional Básica. A actuación, cofinanciada con fondos FEDER, contará cun orzamento de 411.000 euros.

Tal e como explicou o conselleiro, os edificios que actualmente compoñen o instituto non son suficientes, posto que estas ensinanzas supoñen a creación de catro grupos máis. Ademais, cómpre ter en conta a evolución da matrícula neste centro nos últimos anos, cuxo incremento é notorio. Deste xeito, no curso 2009/2010 había 681 alumnas e alumnos matriculados, mentres que este ano o número ascende a 745.

“Trátase, por tanto –en palabras de Román Rodríguez– dunha obra necesaria, coa que a Consellería dá resposta ás demandas da comunidade escolar”. Ao mesmo tempo, esta actuación exemplifica o compromiso do departamento educativo galego coa Formación Profesional, en especial coa FP Básica, unha modalidade impulsada ao abeiro da LOMCE que favorece a permanencia no sistema dos mozos e mozas en risco de abandono escolar temperán. Así mesmo, tamén se fomenta o espírito emprendedor deste alumnado, así como a súa inserción no mercado laboral.

Cómpre ter en conta que, só o ano pasado, a Consellería mobilizou máis de 75.700 euros en novo equipamento para os diferentes ciclos formativos que se imparten neste centro.

Un novo edificio de 400 metros cadrados

As obras de ampliación consistirán na construción dun novo volume, anexo ao centro, que albergará catro aulas de entre 44 e 52 metros cadrados, que quedarán distribuídas en cadansúa planta, onde tamén se localizarán os aseos. En total, a superficie construída ascenderá a 400 metros cadrados.

Cun prazo de execución de catro meses, a Consellería traballa coa previsión de rematar a obra en setembro. En todo caso, o día a día nas clases poderase desenvolver con total normalidade, pois os traballos non interferirán no transcurso da xornada escolar.

Rematada a obra do IES Perdouro

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tamén visitou as obras de ampliación do IES Perdouro de Burela, que finalizaron recentemente. A actuación, cuxo importe final de adxudicación foi de 353.916 euros, responde así mesmo á demanda de novos espazos a raíz da implantación da FP Básica. En concreto, instalouse un taller da familia profesional de Fabricación Mecánica no lugar onde antes estaban as aulas de electrónica e tecnoloxía, que pasaron a localizarse no novo volume de planta baixa. O semisoto deste novo volume queda agora como un espazo diáfano, que nun futuro podería utilizarse como aulas e almacén, en función das necesidades.

Plan de renovación e mellora

Estes traballos enmárcanse no Plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos executado en 2015 en diferentes centros de toda Galicia e dotado cun investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Grazas a este programa, a Consellería levou a cabo diversas actuacións na provincia de Lugo, no CEIP Laverde Ruíz (en Outeiro de Rei) e no propio IES Perdouro.

A maiores, cómpre lembrar o forte compromiso orzamentario adquirido co CIFP As Mercedes de Lugo –cuxas obras achéganse aos 6 millóns de euros– co obxectivo de transformalo nun centro de referencia en Galicia no ámbito da Formación Profesional.

22 de xaneiro de 2016 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.