publicidade hoxe

O BNG pide medidas urxentes contra a escalada de violencia machista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
Europa Press

O BNG reclamou “medidas urxentes” contra a “escalada de violencia machista” que, en apenas 15 días de 2016, significou que xa se coñecen “múltiples feminicidios no Estado e agresións sexistas de diferente tipo”.

Os nacionalistas suman a iso a confirmación do asasinato dunha muller en Narón o pasado mes de decembro como outro caso de “terrorismo de xénero”, motivo polo que o BNG denunciou “todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres e que teñen no asasinato a manifestación máis extrema”.

O BNG considera que a sociedade “non pode permitir que continúe este estado de alarma no que viven as mulleres”. “É necesario, para iso, ser contundentes nas respostas e medidas, así como sensibilizar e colectivizar que a violencia contra as mulleres é unha realidade que existe e urxe combater”, advertiu, a través dun comunicado de prensa, a responsable de Acción Feminista da Executiva, Noa Presas.

Neste sentido, esixiu que as institucións e poderes públicos “radicalicen a toma de medidas urxentes para avanzar na prevención, garantindo con presuposto e persoal, ferramentas de prevención e acompañamento” que aumenten os recursos existentes.

“PRIORIDADE ABSOLUTA”

“A prioridade absoluta na actividade política en todas as institucións ten que ser acabar coa violencia machista”, manifestou Presas, quen considerou “fundamental que todas as persoas da sociedade tomen conciencia deste estado de alarma”.

Noa Presas avisou de que “o asasinato de mulleres non é unha anécdota” e remarcou que “avanzar no fin dos feminicidios e de calquera expresión de violencia machista é unha meta na que todos temos responsabilidade”.

“Por iso chamamos a sumar vontades colectivamente para denunciar esta urxencia. É fundamental unha participación masiva en todas as convocatorias e actos públicos que o feminismo convoque para rexeitar este novo asasinato machista”, remachou.

13 de xaneiro de 2016 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.