publicidade hoxe

Ábrese o prazo de inscrición para participar na Baiona Angra AtlanticRace

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Monte Real Club de Iates e o Angra IateClube acaban de abrir o prazo de inscrición para participar na Baiona Angra AtlanticRace, a regata oceánica que partirá o próximo verán da vila mariñeira galega con destino ás illas Azores.A competición incluirá dúas etapas, unha de ida e outra de volta, que se puntuarán e premiarán por separado, e cuxas clasificacións sumarán para determinar o gañador final da proba.

A primeira das etapas sairá o 3 de xullo de Baiona con destino a Angra do Heroismo, unha localidade duns 35.000 habitantes situada na Illa Terceira do arquipélago luso de Azores. Os barcos participantes deberán percorrer as 865 millas que, aproximadamente, separan ambos os puntos, e facelo nun tempo máximo de 9 días e 8 horas. Unha vez alí, as embarcacións disporán de amarres gratuítos na mariña de Angra e os seus tripulantes poderán participar en diversos actos sociais e visitas guiadas que se programarán con motivo da súa chegada á illa.

O xoves 14 de xullo darase saída á segunda etapa da competición, co percorrido inverso, de regreso a Baiona. De novo, máis de 800 millas á fronte para ser navegadas nun tempo límite de 224 horas. Unha vez en Galicia, celebrarase a entrega de premios,  o sábado 23 de xullo nas instalacións do Monte Real Club de Iates.Distinguirase aos mellores barcos de cada etapa e da regata completa en cada unha das categorías, e entregaranse premios, ademais, aos gañadores de cada etapa e da xeral en tempo real.

O prazo de inscrición para participar na BaionaAtlanticRace permanecerá aberto até o próximo 3 de xuño, xusto un mes antes da saída da proba, e haberá descontos para as tripulacións que o fagan antes do 30 de marzo. 

Dadas as características da proba, a regata estará limitada a un máximo de 40 barcos, que deberán ter un mínimo de 30 pés de eslora ou ser da Clase Mini 6.50. Poderán levar tripulacións completas ou reducidas, con dous regatistas a bordo. 

A Baiona Angra AtlanticRace está organizada polo Monte Real Club de Iates e o Angra IateClube, e conta coa colaboración da Real Federación Española de Vela e a Federación Portuguesa de Vela, así como da Cámara Municipal de Angra do Heroismo, Portos das Açores e a Secretaría Rexional do Turismo e Transportes.

Os regatistas que queiran participar na competición poderán inscribirse ou solicitar información a través do Monte Real Club de Iates, escribindo un correo electrónico a secretaria@mrcyb.com ou chamando por teléfono ao 986 385 000.

19 de xaneiro de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.