publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta convoca aos alcaldes da área Metropolitana de Vigo o 19 de xaneiro e Caballero adiántase cunha reunión o 13

Europa Press

Vicepresidencia da Xunta de Galicia enviou cartas aos 14 concellos da área Metropolitana de Vigo para convocar aos alcaldes a unha reunión o próximo 19 de xaneiro, co fin de avanzar na posta en marcha desta organización supramunicipal.

Así o anunciou este martes o delegado territorial do goberno galego, Ignacio López-Chaves, quen sinalou que a Xunta está “a cumprir o programa previsto” e que, despois de manter reunións coas corporacións dos 14 municipios implicados nesta iniciativa, celebrarase en Vigo un encontro de rexedores “para pór en común o que se sacou desas reunións”.

Con esa finalidade convócase aos rexedores de Vigo, Baiona, Cangas, Moaña, Redondela, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior e Gondomar. “Temos ánimo de que funcione definitivamente a área Metropolitana”, sinalou López-Chaves, quen lembrou que “xa existe unha lei” impulsada pola Xunta do PP.

En relación á presenza de Caballero nesa reunión (el non acudiu persoalmente ao encontro bilateral), o delegado da Xunta lembrou que o goberno galego “non exclúe a ninguén” e convocou a todos os alcaldes. “Por que non ía vir? É unha decisión que teñen que tomar el”, sinalou.

REUNIÓN CONVOCADA POR CABALLERO

Pola súa banda, o rexedor olívico, a preguntas dos medios sobre esta convocatoria, asegurou que aínda non a recibiu e que, cando o fixese, estudaría a conveniencia de acudir á reunión.

Con todo, confirmou que el tamén convocou unha reunión de alcaldes para o 13 de xaneiro. Trátase dos 15 rexedores (incluído el mesmo) que comparten o mesmo modelo de Área Metropolitana e que, insistiu, “gobernan máis do 86 por cento da poboación da área”, isto é: Vigo, Moaña, Cangas, Tomiño, Tui, A Guarda, O Porriño, Nigrán, Salceda, Mondariz, Ponteareas, Fornelos de Montes, Gondomar, As Neves e Vilaboa.

“Convoquei aos alcaldes que manifestaron o seu interese pola área Metropolitana. Os outros non manifestaron ningún interese, ningún do PP, que casualidade!”, ironizou Caballero.

5 de xaneiro de 2016 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.