publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Pazos de Borbén comeza os I Encontros coa Diversidade Funcional cunha emotiva xornada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Xornada de Encontros coa Diversidade

Xornada de Encontros coa Diversidade

Máis de 200 escolares e veciños de Pazos de Borbén participaron esta mañá no I Encontro coa Diversidade Funcional organizado polo Concello de Pazos de Borbén. Dúas xornadas que amplían a tradicional gala de celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se organizaba neste municipio até o pasado ano. A celebración contou coa presenza de varios invitados relacionados coa diversidade funcional que ofreceron diferentes visións e solucións para mellorar a integración destas persoas na sociedade.

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, foi o encargado de abrir a gala dando a benvida aos invitados cun emotivo discurso no que lembrou a todos os asistentes que “non hai peor discapacidade que non darse conta que todos somos iguais”.

A continuación, foi a quenda da primeira invitada, a vicepresidenta do ConselloTerritorail do ONCE en Galicia, María de los Ángeles Lorenzo. Cega de nacemento e cunha exitosa carreira ás súas costas, María trasladou o seu exemplo de superación a todos os asistentes dunha maneira divertida que encandeou aos máis novos. Mediante xogos, e sempre cun sorriso, os pequenos puideron coñecer como é a vida dunha persoa cega, como é a súa aprendizaxe e cal é a mellor maneira de axudar a unha persoa invidente, entre moitas outros ensinos.

Tras un breve descanso no que os participantes gozaron dun chocolate quente con rosca e bizcocho no patio do colexio, chegou a quenda da doutora Bianca González e os seus cans de terapia. Coa axuda dos escolares, a terapeuta realizou unha demostración do seu traballo con estes animais e como inflúen positivamente nos tratamentos. Grazas á axuda do público, os cans interactuaban cos pequenos mediante trucos destinados a facilitar o traballo cos pacientes facéndoo máis dinámico e divertido.

O punto álxido desta primeira xornada chegou coa intervención de Daniel Fernández, o protagonista do premiado documental “1000 sorrisos e 1 perdón”. Unha historia de superación e concienciación na que despois de perder unha perna nun accidente de tráfico, Daniel perdoa ao culpable do sinistro, nun emotivo exemplo de actitude positiva, con “a única condición de que trate de ser a mellor persoa posible o resto da súa vida”.

Como colofón da gala, o alcalde de Pazos de Borbén obsequio cunhas placas de recordo aos invitados do evento e proxectouse un vídeo sorpresa no que os actores da famosa serie televisiva “Serramoura” felicitaban ás asociacións participantes e ao Concello de Pazos de Borbén polo seu labor durante o ano na loita pola integración de persoas con diversidade funcional.

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, destacou ao finalizar o evento a necesidade destas xornadas e eventos para a integración das persoas con discapacidade na sociedade así como a importancia de “fomentar a visibilidade das persoas con discapacidade e ofrecer unha imaxe positiva delas co fin de favorecer a súa integración plena, o seu acceso e a súa participación na vida cultural e comunitaria”.

Seguindo a tónica de edicións anteriores, estas actividades foron organizadas polo Concello de Pazos de Borbén e o CPI Curros Enriquez en colaboración coas entidades de persoas con diversidade funcional ASPAVI, ONCE e COGAMI.

O I Encontro coa Diversidade Funcional continuará mañá coa participación de Ramón RodriguezCovelo, voluntario da asociación COGAMI, o recital de poesía dos escolares do CPI Curros Enríquez e unha serie de xogos de integración compartidos entre os alumnos do centro e membros da asociación ASPAVI.

17 de decembro de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.