publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Patrimonio comprométese a emitir o informe sobre o PXOM de Frades antes de fin de ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
O alcalde de Frades na reunión con Román Rodríguez

O alcalde de Frades na reunión con Román Rodríguez

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, mantivo unha reunión de traballo co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e coa directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, para analizar o estado de tramitación do informe de Patrimonio sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades, que se empezou a redactar a finais de 2009. Roberto Rey amosouse moi satisfeito da reunión xa que “nos confirmaron que Patrimonio emitirá o seu informe antes de finais deste ano. Despois das correccións realizadas agardamos que sexa favorable, polo que unha vez superado o informe medioambiental poderiamos facer a aprobación provisional do PXOM de Frades no primeiro trimestre de 2016”.

Roberto Rey explica que “unha vez superado o trámite de Patrimonio, só faltará a aprobación da Memoria Medioambiental, onde a Xunta ten un prazo de dous meses para pronunciarse pero que agardamos que poida estar listo en pouco máis dun mes, polo que poderíamos aprobar provisionalmente o Plan Xeral antes da entrada en vigor da nova Lei”. Así mesmo, o alcalde aproveitou o encontro co conselleiro para plantexarlle as distintas necesidades nas instalacións educativas do municipio.

Plan Xeral 

Frades ten unha extensión de 81.7 km2. O seu PXOM contempla dúas zonas de chan urbanizable, en O Cadaval e en Abellá, que se unen á zona urbana da Ponte Carreira. Na actualidade, Frades non dispón de ningún instrumento de planeamento específico para a ordenación do solo do seu termo municipal, polo que se rexe polas Normas Subsidiarias e Complementarias da Provincia da Coruña. Este feito limitaba o crecemento da zona urbana de Ponte Carreira e das vivendas unifamilares dos núcleos rurais, o que creou diferenzas no ordenamento urbanístico de Frades que se resolven coa aprobación do PXOM. 

Este Plan Xeral regulará o crecemento de Frades tanto no rural, con iniciativas cada vez máis florecentes neste terreo, como no urbano, cunha presión urbanística moderada. As liñas xerais do PXOM resúmense na continuidade do trazado e clasificacións nos núcleos xa existentes, ordenando os crecementos xurdidos tanto ao amparo da normativa como á súa marxe (sempre de acordo aos intereses municipais), reforzando o actual sistema de núcleos urbanos e rurais, a dotación de solo industrial, a dotación de elementos comunitarios e a conservación ambiental, paisaxística e patrimonial de Frades.

Así, o PXOM contempla unha gran zona urbana en Frades no núcleo da Ponte Carreira e dúas zonas de chan urbanizable nas localidades de Abellá e no Cadaval. A existencia de empresas do sector téxtil, situadas no núcleo da Ponte Carreira, e de empresas dedicadas ás subministracións para as explotacións agrarias xustifica a creación de solo industrial na que incluír estas instalacións, así como a posibilidade da súa ampliación ou inserción de novas empresas. Así mesmo, tamén se contempla outra actividade industrial no municipio relacionada coa extracción de áridos e localizada no lugar de O Cruceiro, entre as parroquias de Frades e Gafoi. 

O terreo de Frades caracterízase por unha suave topografía do terreo, o que provocou un importante crecemento dos distintos núcleos rurais con tipoloxías edificatorias de vivenda unifamiliar que contan con distintos servizos que co novo Plan serán ordenados. Así, o Plan Xeral pon énfase especial en prever unha mellora importante das comunicacións das distintas entidades de poboación. Neste caso, compre lembrar que Frades é un dos poucos concellos de Galicia onde as parcelas están totalmente concentradas, o que supón tamén unha rede municipal de estradas de 560 kms (dos que máis de 300 kms son pistas de monte). 

En canto ao medio rural, estableceuse un marco que posibilita o mantemento e memoria do medio natural, apostando máis por un desenvolvemento cualitativo ca cuantitativo. Ademais das preceptivas reservas de solo para protección de infraestruturas e do medio natural (con especial protección para as áreas naturais do municipio como, por exemplo, a carballeira de San Nicolau), o equipo redactor do PXOM elaborou un detallado catálogo de bens culturais e patrimoniais de Frades para protexer. Para iso, foi preciso un laborioso estudo de campo no que se identificou cada ben e se elaborou unha ficha individual coa descrición do ben, o seu estado de conservación e as posibles obras ou medidas a tomar para a súa conservación ou recuperación. En total, identificáronse: 

- 68 grupos arqueolóxicos (restos de castros, medorras e mámoas)

- 13 elementos de arquitectura civil

- 17 elementos de arquitectura relixiosa (igrexas e ermidas)

- 25 elementos de arquitectura popular (hórreos e muíños)

- 8 cruceiros/petos

- 5 conxuntos históricos (Fraga de Cimadevila, Núcleo de Cimadevila, Campos da Festa de Pontecarreira e Pazo e Carballeira de Augas Santas) 

De todo elo, determináronse dous elementos de especial protección: o pazo de Galegos e o Pazo de Peñasco. O Pazo de Galegos está ocupado por unha comunidade relixiosa que o recibiu en doazón. O Pazo de Peñasco data do século XVII, pero sufriu numerosas remodelacións que deixaron no seu exterior a pegada do paso do tempo. Está valado e pechado ao público en xeral.

 

7 de decembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.