publicidade hoxe

O DOG publica a licitación das obras de mellora de beirarrúas na estrada AC-194, ao seu paso polo concello de Vilasantar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilasantar
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de mellora de beirarrúas na estrada AC-194, ao seu paso polo Concello de Vilasantar. O prazo de admisión das proposicións rematará o vindeiro 23 de xaneiro. No seguinte enlace pódese consultar o anuncio publicado hoxe no DOG: http://goo.gl/FOhTde

Cómpre lembrar que a semana pasada a Xunta e o Concello de Vilasantar asinaban un convenio de colaboración no que o Goberno galego comprometeuse a executar e financiar as obras, destinando para iso un orzamento de máis de 286.000 euros, e o concello pola súa parte asumirá a titularidade da estrada AC-194 trala finalización das obras.

A AC-194 é unha estrada de titularidade autonómica de 1,25 quilómetros de lonxitude, que atravesa o núcleo de Vilasantar. Tras a execución da AC-840 (Betanzos – Lim. Prov.- Agolada), na que se inicia e finaliza a AC-194, esta vía converteuse nun acceso ao núcleo urbano e rexistra un tráfico eminentemente local.

A estrada conta con beirarrúas na zona sinalizada coma travesía (aproximadamente entre o PK 0+520 e o final do vial), máis non no treito comprendido entre a zona urbana e o novo cemiterio municipal executado recentemente á altura do punto quilométrico 0+130. Ademais precisa da execución de zonas de aparcadoiro que eviten o aparcamento indebido que se vén producindo nas súas marxes, tanto na contorna do cemiterio coma en puntos determinados do núcleo de Vilasantar.

Para atender a estas necesidades, a Axencia Galega de Infraestruturas vén de redactar un proxecto que contempla actuar entre o cemiterio e a entrada á travesía: executando beirarrúas pola marxe dereita (p.q. 0+130 a 0+520 da AC-194) e construíndo unha banda de aparcadoiro pola esquerda (p.q. 0+130 a 0+420).

O proxecto tamén inclúe a construción de dúas zonas de aparcadoiro no entorno dos puntos quilométricos 0+820 e 0+870 da estrada, no centro da travesía de Vilasantar. O deseño destas zonas suman unha lonxitude aproximada de 60 metros.

A actuación complétase coas obras necesarias para garantir a drenaxe axeitada de todos os tramos, executando cunetas ou colocando unha canalización para recollida de pluviais, segundo a necesidade de cada tramo.

28 de decembro de 2015 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.