publicidade hoxe

Esgos acolle un campamento Scout de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaEsgos
A-
A+

O Grupo Scout ILEX 959, de Ourense, e o Grupo Scout Ferrol 19, da cidade coruñesa, xuntaranse en Vilar de Ordelles, Esgos, para desenvolver seu campamento de Nadal entre os días 26 e 29 buscando o contacto coa Natureza na estupenda contorna das terras da Ribeira Sacra. Nesta actividade aproximadamente 30 rapaces e rapazas, e seus monitores/as voluntarios/as, ocuparán o Albergue de Vilar de Ordelles, que o Concello de Esgos lles facilita xenerosamente para estes catro días de aventura, e que será a base e lugar de pernocta para os pequenos aventureiros de entre 8 e 13 anos. As actividades buscarán o máximo contacto coa Natureza e haberá rutas, actividades de orientación, xogos, gymkhanas, teatro, xogos de pistas, cancións, etc.

Pero sobre todo haberá diversión, convivencia e tamén corresponsabilidade, onde os e as participantes ocuparanse (de acordo as súa idade e capacidades) de tarefas básicas do campamento, como facer comidas, fregar a louza, ocuparse da limpeza da instalación, pois o método educativo que empregamos os scouts busca que os nenos e nenas sexan cada vez máis autónomos e responsables. Calquera rapaz/a de Ourense e a súa contorna, con idade entre os 8 e os 13 anos pode aínda inscribirse e coñecer como é a aventura scout. A inscrición estará aberta, a través dun formulario da nosa páxina web, ata as 14:00 horas do luns día 21 de decembro cun custe de 49 euros que inclúe seguros, alimentación, aloxamento e actividades.

O Grupos Scout ILEX 959, de carácter laico, é de recente constitución e leva desenvolvendo a súa acción educativa dende comezos de outubro deste ano con actividades semanais que desenvolve cada sábado pola mañá no Espazo Xove (Casa da Xuventude) de Ourense e conta xa con unha quincena de rapazas e rapazas participantes. O Grupo Ferrol 19 é o grupo scout decano en Galicia, contando con máis de 50 anos de historia, polo que o campamento será unha estupenda oportunidade para trasladar parte da súa experiencia ao grupo ourensá recentemente constituído. Ambos grupos forman parte da federación scout ASDE –Scouts de Galicia.

18 de decembro de 2015 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.