publicidade hoxe

Ángeles Vázquez manifesta o apoio pola defensa do viñedo na visita a Adegas Terras Asorei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeis
A-
A+
Visita da conselleira ás instalacións

Visita da conselleira ás instalacións

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as novas instalacións en Meis de Adegas Terras Asorei, onde felicitou aos socios polo investimento realizado e manifestou o apoio do Goberno galego pola defensa do viñedo como eixo de futuro do sector primario de Galicia, especialmente agora que se está asentando como unha actividade plenamente profesional e non só de subsistencia ou apoio a outras rendas.

Neste senso, a titular de Medio Rural lembrou que a Xunta destina para o período 2015-2018 un montante de 8 millóns de euros en axudas a investimentos para elaboración e comercialización de produtos vitícolas. Estas achegas van dirixidas a operacións de elaboración, control de calidade e comercialización en puntos de venda directa na adega e fóra dela, así como a plataformas para o desenvolvemento de comercio electrónico.

A conselleira interesouse pola actividade da adega, que pasou de ser unha Agrupación de Interese Económico (AIE), que comercializaba de forma conxunta e exportaba viño albariño en novos mercados, a converterse este ano nunha Sociedade Limitada. Ángeles Vázquez subliñou que para que este sector siga medrando é preciso sumar esforzos entre todos -viticultores, adegueiros e administracións- co obxectivo de seguir reforzando o prestixio que teñen os viños galegos dentro e fóra das nosas fronteiras. Así, a titular de Medio Rural felicitounos por saber adaptarse aos tempos, partindo dunha base familiar ata converterse hoxe en día nunha empresa capaz de reducir custos e medrar a nivel internacional.

Novas instalacións

As novas instalacións están sobre un terreo de máis de 12.000 m2 que ocupan unha superficie edificable de 1.200 m2. Teñen unha capacidade actual de elaboración de 300.000 botellas, con posibilidade de ampliar a máis de 600.000 botellas.

Adegas Terra de Asorei xestiona e traballa máis de 50 hectáreas de viñedo de albariño, exportando o 43% da súa produción aos Estados Unidos, o 25% ao mercado europeo, o 22% a Galicia e o resto repártese entre España e Asia.

4 de decembro de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.