publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

San Sadurniño inicia as asembleas participativas do orzamento 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello inicia hoxe as asembleas veciñais para preparar os orzamentos municipais de 2016 coas que se busca a implicación veciñal de cara a definir tanto os investimentos como outras actuacións que se levarán adiante durante o ano que vén. Porén, nesta ocasión boa parte do interese das xuntanzas seguramente estea ocupado polo PXOM aprobado inicialmente este sábado. O goberno local explicará parroquia por parroquia cales son as liñas mestras do planeamento e, principalmente, onde estará dispoñible toda a información sobre el e de que maneira se poderán presentar as alegacións durante o prazo de dous meses que abrirá dentro duns días, cando se publique o acordo plenario no Diario Oficial de Galicia.

As asembleas de participación veciñal están abertas a calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Nelas debaterase sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio e que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica…, etc. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.

O espírito das asembleas non é unicamente saber as obras que se queren para cada parroquia -aínda que tamén se poden propoñer- senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, as posibilidades reais para sacalas adiante. Ese documento aprobarase na Mesa do orzamento participativo o día 26 de novembro. 

Quen queira implicarse en todo o proceso pode asistir ás asembleas veciñais ou ben facerlle chegar ao Concello as súas ideas e proxectos por medio da folla normalizada que se pode descargar algo máis abaixo. A ficha pode entregarse no rexistro, mandala por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviala ao correo electrónico correo@sansadurnino.gal. Todas as reunións veciñais serán ás 19.30h. nos locais sociais de cada parroquia de acordo co seguinte calendario:

Bardaos: luns 9 de novembro
Ferreira: martes 10 de novembro no local social da Seara
Santa Mariña: mércores 11 de novembro
Igrexafeita: xoves 12 de novembro
Camiño Arriba: venres 13 de novembro
Naraío: luns 16 de novembro
San Sadurniño: martes 17 de novembro
Lamas: mércores 18 de novembro

Infromación sobre o PXOM

Nesta ocasión as asembleas participativas contarán cun apartado específico para falar do PXOM. O planeamento xeral de San Sadurniño aprobouse inicialmente no último pleno e a partir da súa publicación no DOG -prevista para dentro duns días- empezará a contar o periodo de 2 meses en que se poderán presentar alegacións. 

O Concello quere promover que a veciñanza se implique ao máximo nun proceso co que se configurará o San Sadurniño dos próximos 20 ou 30 anos, e para lograr ese obxectivo explicará nas xuntanzas en que consiste o PXOM, cales son os seus obxectivos e, principalmente, de que maneira se poderán propor cambios no documento aprobado inicialmente. Toda a información estará dispoñible na web municipal e tamén se exporá no Concello, onde está previsto colocar paneis coa cartografía que permitan atopar de forma doada a que tipo de chan quedaron adscritas todas as fincas do territorio. Ademais, a arquitecta municipal atenderá durante tres días na semana para solventar dúbidas e mesmo para axudar a preparar as alegacións que calquera persoa queira presentar e para as que existe un modelo de impreso normalizado.

Todas as alegacións presentadas dentro de prazo serán informadas por persoal técnico e aquelas que conten cun ditame favorable incorporaranse ao documento do planeamento que, malia todo, aínda deberá ser informado en segunda instancia por distintos departamentos da Xunta antes de poder ser aprobado definitivamente.

9 de novembro de 2015 | 15:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.