publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Frades organiza unha campaña de Nadal de recollida de alimentos para familias necesitadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, organiza unha recollida de alimentos para as familias necesitadas do municipio. A campaña está dirixida a recoller alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas… que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados. A maiores tamén se recollerán produtos de Nadal non perecedoiros, tendo en conta as datas que se achegan.

Tras o éxito da primeira recollida organizada polo Concello de Frades o ano pasado, nesta ocasión duplicaranse o número de puntos de recollida de alimentos. Así, ademais do CPI Ponte Carreira e da Casa do Concello, os veciños e veciñas que desexen colaborar poderán deixar as súas achegas na Cooperativa Central de Frades e na farmacia de Abellá. O prazo de recollida dos alimentos será entre o 17 de novembro e o 17 de decembro. 

“A campaña está aberta á participación de todos os veciños e veciñas de Frades, individualmente ou como grupo, baixo a premisa de que o que poida colaborar  o faga na medida en que poida para axudar ás familias máis necesitadas do municipio. Toda axuda é benvida”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen agradece por adiantado a colaboración dos veciños e veciñas do municipio, así como do CPI Ponte Carreira, a Cooperativa Central de Frades, a farmacia de Abellá e Cáritas. 

O ano pasado recolléronse catrocentos quilos de alimentos nesta campaña. Agora, o Concello de Frades fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza e pon á súa disposición os Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) para resolver calquera dúbida.

 

6 de novembro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.