publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta fai entrega ao Concello de Lourenzá das obras de saneamento do núcleo rural de Requeixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLourenzá
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de entregar aos Concello de Lourenzá as obras de saneamento do núcleo rural de Requeixo. Así llo trasladou Augas de Galicia á administración local, que a partir de agora se encargará do mantemento e conservación desta nova infraestrutura hidráulica que implicou un investimento de máis de 300.000 euros.

Tal e como se comprometera a Xunta de Galicia ao inicio das obras, estas remataron este mesmo ano, polo que deron resposta á situación na que se atopaba este núcleo rural deste concello da Mariña luguesa, que contaba cun sistema de saneamento que consistía en fosas sépticas individuais.

O núcleo de Requeixo é unha zona residencial vinculada principalmente á actividade agrícola, polo que se formulou un sistema de saneamento similar ao que existe nos núcleos de Santo Tomé e San Adriano, que teñen a súa rede conectada á depuradora de Santo Tomé.

As obras consistiron no deseño dunha rede de saneamento de tipo separativo que recolle as augas residuais do núcleo de Requeixo. Está composta por un total de nove colectores que conectan coa Edar grazas a unha infraestrutura de tubaxes de case tres quilómetros de lonxitude (2.966 metros). Ao longo do trazado foi preciso realizar senllos cruzamentos nas estradas LU-P-2802 e LU-122 mediante perforacións horizontais encamisadas. Este proxecto de saneamento tamén prevía a reposición dos servizos e pavimentos afectados polas obras.

Con esta actuación en materia hidráulica buscábase eliminar as insalubres e contaminantes fosas sépticas que empregaban os habitantes do núcleo de Requeixo.

Dende Augas de Galicia destácase que este tipo de proxectos melloran a calidade de vida e o contorno dos habitantes do núcleo de Requeixo, dotándoos dun sistema de saneamento axeitado; ao tempo que se eliminan as fosas sépticas, que constitúen focos contaminantes, polo que se mellorará considerablemente a calidade ambiental da zona.

Con esta actuación tamén se optimizaron as infraestruturas existentes, xa que a EDAR de Santo Tomé pasará a depurar as augas dos tres núcleos, Requeixo, Santo Tomé e San Adriano.

20 de novembro de 2015 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.