publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

San Sadurniño e Narón buscarán apoio provincial no saneamento da zonas limítrofes de Piñeiros e Pedroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarónSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño e mailo de Narón solicitaron hai uns días unha xuntanza cos máximos responsables do goberno da deputación de cara a buscar a implicación do organismo provincial no desenvolvemento dunha rede de sumidoiros no lugar de Piñeiros. Trátase dun proxecto que leva deseñado catro anos e do que, ademais deste nucleo de San Sadurniño, tamén se beneficiaría parte da parroquia de Pedroso. O investimento estimado é de superior aos 250.000 euros.

O proxecto xa lle fora presentado en 2012 a Augas de Galicia que, segundo o goberno local, nun principio “mostrou o seu interese” en apoialo. Porén, tal e como indica Secundino García “en datas recentes o presidente desta entidade comunicounos que a Xunta non ía colaborar”.

Malia a negativa autonómica a financiar a rede de sumidoiros, San Sadurniño e Narón manteñen viva a proposta e agora buscarán a implicación provincial. De aí que a primeiros de mes solicitasen formalmente unha xuntanza co presidente e a vicepresidenta da Deputación da Coruña co obxectivo de trasladarlle o proxecto a este organismo e ver a posibilidade de que participe nel dalgún xeito. 

Na solicitude xustifícase a necesidade da infraestrutura sinalando que ambos concellos a consideran “moi necesaria” e que ademais “vai na liña de ampliar e mellorar as canles de colaboración entre administracións”. Agárdase que en breve se poña data para a xuntanza á que, en principio, acudirán o rexedor local e mailo alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco.

O que exporán será o seguinte: executar un sistema de sumidoiros e canalizacións que recolla as augas fecais de vivendas tanto do lugar de Piñeiros -en San Sadurniño- como daquelas situadas ao outro lado do límite con Pedroso. A rede remataría na EDAR da Portela, situada nas proximidades e con capacidade suficiente para tratar esta achega a maiores. Segundo o proxecto técnico, as obras do saneamento e da súa conexión coa depuradora terían un custe de aos 252.118,62 euros.

20 de outubro de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.