publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os Coribantes celebrarán o concerto benéfico do Quilo Solidario o 13 de novembro no pavillón de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaPonte Caldelas
A-
A+
Presentación do concerto benéfico

Presentación do concerto benéfico

Membros da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o grupo de goberno do Concello de Ponte Caldelas presentaron unha nova edición do Corcerto Benéfico Quilo Solidario que terá lugar o vindeiro venres 13 de novembro, a partir das 20:30 horas, no pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas.

O obxectivo será manter os 4.000 quilos de alimentos non perecedeiros que se recollen durante a celebración do festival e nos Supermercados Froiz ubicados na zona e que serán repartidos entre familias con dificultades económicas do municipio a través de Cáritas de Ponte Caldelas e A Insua e os Servizos Sociais do Concello. 

Aínda que o cartel está todavía sen pechar, o presidente dos Coribantes, Lito Rodríguez Lale, anunciou xa que contarán coa presenza habitual do cantautor Bernardo Xosé, o grupo de pandereteiras As Maianas así como cun grupo de rock conformado por ex membros desta agrupación musical de Ponte Caldelas que cumpre, precisamente, neste concerto os seus dez anos de vida.

Asemade, Lito Rodríguez anunciou que ao día seguinte Os Coribantes conmemorarán cun xantar no pavillón de deportes os primeiros 10 anos de vida desta asociación, “dez anos facendo música. Comezamos alá polo ano 2005 uns 5 ou 6 compoñentes e hoxe superamos os 80”, lembrou Rodríguez Lale. A este xantar estarán convidados tamén os alcaldes de Cotobade, Soutomaior, Fornelos de Montes, A Lama, Pontevedra e Ponte Caldelas “por sermos xa desde hai tempo unha entidade de ámbito supramunicipal e totalmente comarcal. Tocan con nós mozos e mozas de todos destes concellos, de toda a contorna”, indicou Lito Rodríguez. 

“VOLVEN A CASA POLO NADAL”, DIXO O ALCALDE 

Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, salientou o feito de que este concerto volva a celebrarse no municipio, máis concretamente no pavillón municipal de deportes. “É unha novidade que Os Coribantes volvan a casa polo Nadal co seu concerto solidario a Ponte Caldelas, pero é unha expresión clara do noso desexo de que teñan no noso municipio o seu epicentro de actividade e dado que os alimentos que se recaden serán para Ponte Caldelas e recollidos, maioritariamente, no noso concello o lóxico é que o festival se faga aquí e así será”, sinalou o alcalde. 

A decisión de adiantar a celebración do Concerto Benéfico do Quilo Solidario ao mes de novembro é “pola necesidade de acadar unha maior eficacia recadatoria de alimentos xa que no medio do Nadal, coas compras destas datas, resultaba un tanto complicado. Este ano estaremos de xeito presencial nos Supermercados Froiz animando á xente a colaborar e dándolle directamente unha entrada para que co seu donativo leven xa unha entrada para asistir ao concerto”, explicou Lito Rodríguez. 

CHEQUE SOLIDARIO DO CONCELLO DE PONTE CALDELAS PARA FAMILIAS EN SITUACIÓN DE ESPECIAL DIFICULTADE ECONÓMICA 

Por outra banda, o alcalde Andrés Díaz agradeceu a iniciativa solidaria posta en marcha polos Coribantes de Buchabade e anunciou que o grupo de goberno decidiu que o Concello de Ponte Caldelas, a través dos Servizos Sociais, entregue no Nadal ás familias con especiais dificultades económicas do municipio unha serie de cheques solidarios de 100 eurospara que poidan mercar roupa, calzado e alimentos frescos cousas que non son obxecto das axudas dos bancos de alimentos ou recadados a través de actuacións tan loables como esta e que tamén son moi necesarios.

19 de outubro de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.