publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ ofrece catro funcións grazas ao programa ‘Falaredes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaNegreiraPontecesoSanta Comba
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- segue a levar por Galicia adiante o espectáculo ‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ dentro do Programa ‘‘FalaRedes’ 2015′. Ofrecido por Cultura e Educación entre as entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, e coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial, representarase esta fin de semana en catro localidades da coruñesas na procura do público máis cativo.

A listaxe de actuacións ábrese esta tarde en Negreira (ás 18:30 horas, no auditorio do Centro Sociocultural) e prosegue mañá, sábado, en Cerceda (ás 18:00 horas no Auditorio Municipal). Para rematar a fin de semana, programa dobre: a familia de irmáns chega o domingo a Santa Comba (ás 12:00 horas no Edificio Multiúsos) e, posteriormente, a Ponteceso (ás 18:00 horas na Casa dos Veciños do Couto, coa colaboración da Fundación Eduardo Pondal). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista dirixido, especialmente, a cativos de 4 a 8 anos de idade; pero que supón unha boa opción de entretemento e diversión en galego para toda a familia. Os Bolechas, deseñados por Pepe Carreiro, falan sempre na nosa lingua, co que se busca potenciar a identificación dos nenos e nenas cos protagonistas do espectáculo.

Nova aventura dos Bolechas

Logo de deixaren atrás o Sabichón, os irmáns Bolechas e mailo seu inseparable canciño Chispa atopan un aparello que os teletransportará ao futuro, converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico tiruleco dono da máquina- levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde Os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para resgresaren ao presente e á infancia.

A actividade de dinamización lingüística prosegue a súa xira no ‘FalaRedes’ na que ha sumar un total de 40 localidades da RDL visitadas a finais do mes de outubro. O calendario completo pódese consultar en www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia, e ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo; nela, os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e gozaren de xogos e sorteos.

Concurso

A este respecto, os asistentes ao espectáculo terán acceso en exclusiva a unha palabra chave coa que poderán dobrar o premio do sorteo que se celebra cada comezo de mes e accederen a dous lotes de libros dos Bolechas no caso de resultaren premiados. Para participar, abonda con entrar en www.osbolechas.com/maquinadotempo/sorteo.html
Os nomes dos premiados cun total de 14 lotes de libros no concurso realizado o xoves 1 pódese consultar xa en www.osbolechas.com/maquinadotempo/premiados.html

‘FalaRedes 2015′

A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ segue os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.

Máis información sobre ‘FalaRedes’ 2015 no apartado exclusivo dentro do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://ir.gl/a416b6 e tamén nas redes sociais.

2 de outubro de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.