publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Dúas empresas investigarán novos aceiros para as pezas eólicas que se constrúen no estaleiro de Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFeneLocal Portada
A-
A+
Europa Press

Windar Renovables investigará a fabricación de aceiros especiais, máis resistentes e duradeiros, para as pezas de parques eólicos marítimos que constrúe nas súas instalacións de Fene. Con tal motivo subscribiu un acordo de colaboración en I+D coa multinacional siderúrxica Arcelor-Mittal.

A empresa Windar Renovables opera na fabricación de soportes para parques eólicos mariños en alianza con Navantia. A unión de empresas ten pedidos en firme para Iberdrola e Statoil, pero a compañía destaca a través dun comunicado de prensa que “existen fundadas esperanzas de que nos próximos meses xurdan novos encargos”, á luz das ofertas e das fortalezas que estas presentan”. Iso “garantiría a ocupación” das instalacións de Fene “durante anos”, afirma.

Así, Windar Renovables e Arcelor quedaron vinculadas por un programa de investigación quinquenal para deseñar procesos de fabricación de aceiros especiais, máis resistentes á corrosión, e como novos recubrimentos e acondicionamentos superficiais do aceiro.

“Todo iso facilitará que as pezas que se constrúan en Fene aínda melloren as rigorosas esixencias que se piden en materia de postsoldadura”, resalta.

Os investigadores tamén buscarán como reforzar os materiais en ámbitos de alta salinidade. Probarán igualmente a combinación de aceiros con materiais non metálicos para mellorar a ancoraxe das torres eólicas no fondo do mar.

Para afrontar este programa, ambas as dúas partes terán equipos e proxectos mixtos, interconectando a actividade investigadora das dúas empresas.

O acordo, asegura Windar Renovables, engadirá vantaxes competitivas á alianza con Navantia, dado que os materiais que xurdan destas investigacións serán empregados nas instalacións do estaleiro de Fene, na ría de Ferrol.

DÚAS OFERTAS

A alianza de Windar Renovables e Navantia presentou recentemente dúas ofertas para a construción de parques eólicos mariños que, de saír adiante, suporán “un alto nivel de ocupación no estaleiro de Fene”, segundo incide.

A citada unión de empresas xa empezou a fabricar na mesma instalación compoñentes para outros dous parques que promoven en mares do norte europeo Iberdrola e Statoil; os dous primeiros pedidos dende que operan xuntas ambas as dúas compañías.

As ofertas presentadas corresponden aos parques Beatrice, que se situará ao norte de Escocia, e East Anglia, no mar do Norte. Promovido por SSE, Repsol Novas Enerxías e Copenhague infraestrutures Partners, Beatrice precisa 84 jackets que sustentarán outros tantos aerogeneradores de oito megavatios. A súa instalación iniciarase a partir de 2017.

O East Anglia é unha iniciativa de Scottish Power-Iberdrola, para o que se necesitan 102 jackets que sustentarán aerogeneradores de sete megavatios. A primeira entrega está prevista para finais de 2017.

“Espera que ambos os dous proxectos se adxudiquen repartidos entre varios oferentes, pero aínda nese caso se trataría de contratos de gran transcendencia, dado que a fabricación de cada jacket require por termo medio 60.000 horas de traballo home,” explica.

A construción dos 84 artefactos do parque Beatrice suporá, segundo os seus números, 5,04 millóns de horas, mentres que os 102 de East Anglia esixirán 6,12 millóns de horas.

Entre os pedidos en firme e estes dous últimos, Windar Renovables garante que se manterá “un elevado nivel de ocupación” o estaleiro de Fene.

PETICIÓNS DE OFERTA

Ademais, a alianza de Navantia e Windar Renovables remata de recibir peticións de oferta para fabricar 67 jackets con destino ao parque Moray Firth, que, tamén en augas escocesas, promove EDP Renováveis. Construír a totalidade destes esixe 4,02 millóns de horas de traballo home.

A unión de empresas tamén foi precualificada para presentar unha oferta con destino a outro parque que, baixo a denominación de Borkum Riffgrund, se promoverá no norte de Europa.

Xa en augas ibéricas, Windar e Navantia participan nunha experiencia pioneira, denominada ‘Windfloat’, no norte de Portugal. A alianza fabricou un prototipo a escala de soporte flotante, non asentado no fondo mariño, que xa está instalado, e agora producirá unha preserie, a escala de real, de tres ou catro estruturas.

“Despois de décadas cunha actividade produtiva limitada, a unión de Windar Renovables e Navantia para operar na eólica mariña podería enlazar anos de actividade intensa en Fene”, segundo subliña.

Xunto á “idoneidade” das instalacións galegas e a súa situación “estratéxica”, ambas as dúas compañías tamén consolidan a súa alianza a medida que avanzan os pedidos e os procesos de fabricación, conclúe.

26 de outubro de 2015 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.