publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís comproba as melloras dun vial interior do polígono de monte Afieiras en Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoraña
A-
A+
Cores Tourís na visita ao polígono de Moraña

Cores Tourís na visita ao polígono de Moraña

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono de Monte Afieiras, en Moraña, para comprobar, en compaña da alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro, as obras executadas nun dos viais interiores do parque empresarial que foron executadas grazas á colaboración económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Precisamente, nesta visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Tal e como destacou Cores Tourís, o concello de Moraña acolleuse este ano a orde de axudas da Consellería de Economía e Industria que permite mellorar a competitividade dos parques empresariais de Galicia.

“Grazas a colaboración da Xunta puidemos poñer en marcha este proxecto que supuxo a mellora deste vial que discorre paralelo ao regato de Grixó e que foi mellorado ao longo de 500 metros”, explicou o delegado territorial, quen asegurou que o aportado pola Xunta para este proxecto supuxo case o 80% do total, case 67.000 dos 85.200 euros que custan as obras e que permitiron a roza e limpeza das beiras da estrada, a escavación para firme do camiño e para muros de contención cara ao regato e a regularización e preparación da plataforma a base de macadam.

A maiores, tamén se levou a cabo o afirmado do total da plataforma da estrada mediante mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espeso e muros de contención a base de bloques de perpiaño de granito gris, rematando a obra coa colocación de rigola o caño para condución de pluviais e a realización dunha nova embocadura de fosa a regato.

“A orde á que se acolleu este concello permite axudar aos municipios á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos”, explicou o delegado territorial, quen destacou que grazas a esta colaboración da administración autonómica, “estanse a impulsar actuacións en eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as estradas ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia”.

O delegado territorial trasladoulle a alcaldesa da localidade que o obxectivo da Xunta é seguir a colaborar coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais, facilitando a xeración de postos de traballo e o incremento da competitividade do tecido empresarial. “De feito, as axudas para a mellora de polígonos empresariais na nosa provincia foi de 721.000 euros, beneficiándose un total de 12 áreas situadas en outros tantos concellos”, engadiu.

Así mesmo, e para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permitirase o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas.

15 de outubro de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.