publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destina 32.000 euros á mellora da rede de abastecemento de auga e á adquisición de novos equipamentos en Boimorto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimorto
A-
A+
Belén do Campo en Boimorto

Belén do Campo en Boimorto

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, achegouse hoxe ata Boimorto para visitar xunto ao seu alcalde, Gonzalo Concheiro, algunhas das últimas actuacións realizadas no concello ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, que permite ás entidades locais beneficiarse do canon eólico. En total, neste exercicio o municipio recibiu 53.372 euros a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se destinaron á mellora da rede de abastecemento de auga e á adquisición de novos equipamentos para a mellora dos servizos no municipio.

O Goberno galego financiou a través da liña competitiva do fondo de compensación a mellora da rede de abastecemento coa instalación de dúas válvulas redutoras de presión e a reparación doutras catro. Ademais, con esta achega, que acadou os 24.148 euros, tamén se adquiriu un vehículo 4×4 destinado á realización de traballos e servizos vinculados á mellora e conservación do entorno.

Por outra banda, Boimorto obtivo outra partida de 7.401 euros, que permitiu a adquisición dun equipo de alta presión para a cisterna do tractor municipal, o que posibilitará a realización de traballos como a limpeza dos sistemas de saneamento e contedores, o lavado de beirarrúas ou labores de prevención de incendios. Neste caso, trátase dunha partida vinculada á liña non competitiva do programa, ao atoparse o territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico e estar afectado pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

Neste senso, Do Campo recordou que o fondo de compensación ambiental reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior como é o caso de Boimorto e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.

A delegada territorial aproveitou a súa visita ao concello para manter un encontro de traballo co rexedor para analizar os proxectos que desenvolve o Goberno autonómico na vila e as necesidades actuais. Nesa reunión, Concheiro trasladoulle as demandas locais, ante as que Do Campo expresou o seu compromiso de estudalas e de traballar intensamente para atendelas no menor prazo de tempo posible.

A máxima representante do Goberno galego na provincia destacou o apoio da Xunta aos concellos e, no caso de Boimorto, agradeceu a colaboración do primeiro edil, que permitiu levar a cabo diversas actuacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. A delegada territorial reiterou a súa disposición a manter “todo o diálogo e cooperación” co goberno local para seguir incrementando o benestar dos cidadáns.

26 de outubro de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.