publicidade hoxe

A Biblioteca de Ribadumia acollerá unha sesión de ContaContos para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Ribadumia organiza para este venres 23 de outubro unha sesión de ContaContos co fin de conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas.

A sesión correrá a cargo do recoñecido contacontos galego Anxo Moure, que nesta ocasión deleitará ós asistentes coas historias “A música das árbores” e “Ximnasia de imaxinación”. Os contos cos que amenizará a tarde en Ribadumia forman parte do seu programa de “Contos solidarios”, un proxecto cultural, medioambiental e de solidariedade que percorre as terras de Galicia dende o ano 1989 contando historias solidarias coa terra e coas persoas que a habitan.

Co seu proxecto, Moure pretende defender o conto como ferramenta educativa para “construír un mundo en harmonía co ecosistema e garante da xustiza social”. E transmitindo esta mensaxe leva xa máis de 6.600 sesións por centros escolares, bibliotecas (etc.).  Ademais, o traballo do recoñecido contacontos non vai destinado exclusivamente para nenos, xa que os contos de Anxo Moure fascinan tanto a pequenos como a adultos.

Nesta ocasión visitará o noso concello para conmemorar con nós o Día das Bibliotecas. A actividade terá lugar o venres 23 de outubro ás 17:30 horas na Biblioteca Municipal que se atopa na Casa da Cultura de Ribadumia e a entrada é gratuíta.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura manifesta que con esta conmemoración “preténdese acercar aos mais cativos ao mundo dos contos e fomentar de paso o hábito da lectura dando a coñecer tamén o fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal que ademais se vai actualizar con novas adquisicións, tanto para público infantil como xuvenil e adultos. Se o tempo acompaña, como parece vai ser, a sesión terá dúas partes, unha na propia biblioteca e outra ambientada na carballeira de Ribadumia. Neste fermosa paraxe natural  Anxo Moure e a súa ciclobiblioteca engaiolarán aos máis pequenos e a todos os que se acheguen ata alí”. 

21 de outubro de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.