publicidade hoxe

Touro estrea equipo feminino de fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesTouro
A-
A+
Equipo feminino SD Touro

Equipo feminino SD Touro

A S.D. Touro contará esta tempada 2014/2015 cun equipo de fútbol feminino. Competirá na liga Galega Feminina da Segunda Categoría, Grupo 1. A súa estrea será o vindeiro domingo. Xogará en casa fronte ao CD Obreiro. O reto xa está aí para as 21 mozas que integran o equipo de mulleres da SD Touro. O camiño non foi fácil. A idea de pór en marcha un equipo de fútbol integrado por mozas que fose capaz de competir nunha liga federada levaba tempo latexando. E por fin esta tempada faise realidade. Explícao José Ramón Puga, adestrador do equipo. “Dende hai tempo tíñamos a ilusión de poñer en macha un equipo feminino, e esta tempada o proxecto é xa unha realidade”. Explica que o equipo que competirá nunha liga composta por formacións das provincias da Coruña e Lugo “está integrado por rapazas fundamentalmente de Touro, pero tamén hai xogadoras dos concellos do Piñeiro ou Arzúa”.

As idades das xogadoras van desde os 13 aos máis de 40 anos. “Estamos moi contentos e ilusionados”, asegura o adestrador, que agradece o apoio da S.D. Touro e do propio Concello. José Ramón Puga afirma que hai canteira. Na Escola de Fútbol de Touro “sempre temos algunhas nenas aprendendo a xogar e que tamén teñen ganas de competir”. Iso engádese a que tamén hai mozas competindo en equipos de fútbol-sala. “Esta tempada, tras reunirnos e falalo, decidimos sacar adiante o equipo feminino”, lembra José Ramón Puga, quen apunta que a liga, integrada por 18 equipos e cun total de 34 partidos, será dura, difícil e moi competida. “Pero non nos falta ilusión”.

O mesmo pensa Mila, capitá do equipo. “Estamos moi contentas e desexando comezar”. Comenta que os adestramentos se iniciaron hai dous meses e as expectativas son moi boas. “Xogamos amigables contra a UD Santiso e contra a SD Antas, que estaremos na mesma liga e que a tempada pasada quedaron na metade da táboa, e perdemos pola mínima”, indica a capitá, quen asegura que “o equipo e moi competitivo e as xogadoras aprenden e melloran moi rápido”. Contra a SD Abellá “empatamos”. Do mesmo xeito que o adestrador, Mila ten moita confianza e lembra que as xogadoras son na súa maioría de Touro, pero tamén proceden do Pino e Arzúa. E lembra que están a desexar que empece a competición.

4 de setembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.