publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Preto de 300 persoas participaron no ‘Camiño do Mercado’ en Tállara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Participantes no Camiño do Mercado

Participantes no Camiño do Mercado

Preto de 300 persoas participaron onte domingo na ruta de sendeirismo e teatro Camiño do Mercado, que se desenvolveu na parroquia lousamiana de Tállara. A actividade, organizada polo grupo informal Flashback Lousame dentro dos seus proxectos da Iniciativa Xove, resultou todo un éxito de convocatoria. Inicialmente, estaba prevista a asistencia de arredor de 200 persoas, pero o bo tempo facilitou este importante incremento de público.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e varios concelleiros do grupo de goberno acudiron a esta cita en Tállara, onde os asistentes gozaron dunha amena xornada chea de sorpresas. O percorrido da ruta de sendeirismo, duns cinco quilómetros de lonxitude, estivo amenizado polos membros do grupo teatral Senda XXI, que sorprenderon aos participantes con divertidas esceas. Entre elas, salientaron as aparicións de fadas polos bosques ou incluso algunha discusión entre dúas veciñas do lugar que rifaban porque se lles moveran os límites das súas fincas.

A ruta finalizou coa representación dun mercado tradicional no que colaboraron multitude de veciños do lugar que acudiron disfrazados. Postos de froita, de peixe ou de artesanía completaron a posta en escea, que se víu enriquecida coas actuacións de varios grupos de gaiteiros e cantareiras, ademais de agrupacións de baile.

Os asistentes coincidiron á hora de gabar esta proposta de lecer por parte do grupo Flashback Lousame. Dende a organización tamén se amosaron moi satisfeitos pola excelente resposta recibida por parte do público, algo que os anima a continuar ofertando este tipo de actividades para todos os públicos.

7 de setembro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.