publicidade hoxe

Porriño acolle o II Campionato de España de Enduro MTB este domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaO Porriño
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

Esta mañá, o Concello do Porriño acollía a presentación do segundo Campionato de España de Enduro MTB, ao que acudiron a alcaldesa, Eva García de la Torre; o secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz; o delegado técnico da Real Federación Española de Ciclismo, Esteban Lorenzo; o presidente do Club Single Track Outdoor (organizador), Guillermo Janeiro; o director da carreira, Marcial Rodríguez; así como varios reputados deportistas do mundo da bicicleta.

Eva García, destacaba a importancia deste evento que “se celebrará este domingo en Porriño e que á súa vez transcorrerá por outros dous Concellos, Mos e Ponteareas. É a segunda edición desta modalidade deportiva xa que a anterior desenvolveuse en Cataluña; ademáis nesta proba poderemos ver entre os 250 participantes a grandes deportistas como ao campión da anterior edición, o tinerfeño Edgar Carballo ou o campión do Open España, o valenciano Jacobo Santana”.

Guillermo Janeiro, definía esta modalidade deportiva cómo “a esencia da mountain bike profesionalizada”; explicaba tamén que o circuíto “conta cun desnivel de 1.800 m ao longo dun trazado de 40 km que transcorren polas Comunidades de Montes do Porriño, Mos e Xinzo en Ponteareas”.

Durante o desenvolvemento da proba existen 5 tramos cronometrados, dos cales sairá o mellor tempo pertencente ao gañador da proba, que vestirá o mallot de España durante todo o ano.

O delegado técnico da Real Federación española de Ciclismo, comentaba que esta “é unha modalidade moi recente e que está en auxe, polo que esperamos seguir celebrándoa repartida en distintos municipios”.

Carlos Muñiz destacou o importante labor das entidades colaboradoras e patrocinadoras do evento, resaltando que “Galicia é unha potencia en campións de Enduro?, de feito estiveron presentes deportistas da talla do Campión do Tour de Francia 2006, o mosense Oscar Pereiro; e o 2º e 3º clasificados do Open España, Oscar Martínez (Nigrán) e Toni Pérez (Vigo), respectivamente.

José Ramón Lete eloxiaba ao Concello do Porriño por dar continuidade á importancia que merece o deporte, apuntando que ademáis “temos un elenco de deportistas de gran nivel, á vez que as mellores condicións de terreos na nosa contorna para a práctica deportiva desta modalidade e outras moitas”.

Este domingo poderemos ver aos 250 participantes inscritos nesta proba, dos cales 122 son galegos e 128 de diferentes provincias do territorio nacional, con idades que van dende os 16 anos ata os 60 en diante. Sairán dende a praza Arquitecto Antonio Palacios a partir das 08.15 h, estimando a entrada en meta, ao mesmo lugar, sobre as 13.30 h.

29 de setembro de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.