publicidade hoxe

Os gandeiros impiden que entre leite de Francia e Portugal a unha planta láctea en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+
Europa Press

Un grupo de gandeiros impediu na mañá deste luns que entrase leite procedente de Francia e Portugal na planta láctea Euroserum-Ibérica, en Monforte de Lemos (Lugo). Segundo informou o coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, os gandeiros apostados no polígono do Reboredo evitaron que “se colasen tres camións de fóra”, de leite francés, portugués e dun “país do Leste”.

Somoza risca de “vergonzosa” esta actuación no marco dunha folga de entregas, porque “se están a intentar cargar a un sector de forma planificada”.

Esta situación prodúcese mentres os gandeiros galegos bloquean todas as industrias lácteas da Comunidade co fin de que se chegue a un acordo entre Ministerio de Agricultura, produtores, industria e distribución para que se ofrezan garantías legais para que haxa prezos sostibles para toda a cadea de valor e se establezan sancións se se incumpre este pacto.

“Non é de recibo que entre leite de fóra e aquí teñamos os prezos máis baratos que no resto da Unión Europea”, denunciou Elías Somoza, mentres “a maioría” das case 10.000 explotacións lácteas galegas “víronse obrigadas a tirar unha muxidura como mínimos”.

14 de setembro de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.