publicidade hoxe

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ viaxan a varias localidades lucenses esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaCastro de ReiVilalba
A-
A+

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ continúa esta fin de semana a xira que leva este espectáculo a concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

Nesta ocasión, Os Bolechas han percorrer tres localidades da provincia de Lugo. Mañá, sábado, daranse cita coa cativada de Burela, que poderán gozar do seu novo espectáculo cunha función ás 18:30 horas no Auditorio. Xa o domingo, Os Bolechas emprazan a rapazada de Vilalba nunha función matinal, ás 12:45 horas no Auditorio, e á de Castro de Rei pola tarde, ás 17:30 horas na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea. A entrada a todas elas é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

As seguintes paradas da actividade ‘Os Bolechas na máquina do tempo’ serán, ata finais de outubro, as localidades de Ribeira, Lousame, Negreira, Cerceda, Santa Comba, Ponteceso, Ribadavia, Celanova, Barbadás, Cerdedo, Aranga, Abegondo, Noia, Mos, Moraña, Marín e Ponteareas. Con elas, Os Bolechas completarán a xira que desde o mes de marzo os está a levar a 40 concellos galegos.

Aventura no tempo

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista, dirixido -especialmente- á cativada de 4 a 8 anos de idade, pero que supón unha boa dose de entretemento en galego para toda a familia.

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, e Tatá -na compaña do seu fiel canciño Chispa- compoñen a familia animada máis coñecida de Galicia e son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa. Desta volta, baten cun obxecto creado por un científico do máis particular: o Doutor Apolodoro. Ese aparello é a abraiante máquina do tempo, que fará que Carlos e Pili viaxen pola historia ata o futuro e se convirtan en adultos. Para regresaren á infancia seralles imprescindible a axuda do público presente.

O calendario completo da actividade pódese consultar no web www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia, e ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo; nela, os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e gozaren de xogos e sorteos. Así mesmo, os asistentes ao espectáculo terán acceso en exclusiva a unha palabra chave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e accederen a dous lotes de libros dos Bolechas no caso de resultaren premiados.

Cómpre lembrar que Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos. Con isto quérese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos protagonistas da montaxe.

‘FalaRedes’

A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ segue os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ percorren os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas.

Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes. Toda a información sobre ‘FalaRedes 2015’ no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tamén nas redes sociais.

18 de setembro de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.