publicidade hoxe

O goberno de Cambre leva a pleno un modificativo de crédito para facer fronte a dúas obras na piscina da Barcala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O concello recepcionou o mes pasado as obras da piscina da Barcala que sufragou en parte a Deputación da Coruña e que consistiron en reformar os vestiarios, os teitos interiores da sala da piscina, as portas de evacuación, a impermeabilizacion da piscina, pero sobre todo, a maior actuación dedicouse ao sistema de ventilación, e un complexo sistema de climatización no que se renovou toda a maquinaria. Hoxe os concelleiros da Corporación visitaron as obras realizadas e comprobaron o estado da infraestrutura que se pretende mellorar para abrir a instalación.

A pesar destas melloras, que custaron máis de 300.000 euros a ambas as administracións, a instalación non puido abrirse ao público, xa que os técnicos municipais e os arquitectos que executaron as melloras sosteñen que é impresdindible acometar unha obra puntual, polo momento, na cuberta, que garanta o cesamento das filtracións ao interior e que poida danar a obra recentemente acabada. Ademais, é preciso unha serie de melloras no interior da piscina referentes a elementos arquitectónicos danados polo paso do tempo que se repararán cuns tratamentos específicos.

O modificativo de crédito proposto para a execución destas obras é de 45.000 euros aínda que se espera que o gasto das mesmas sexa inferior ao crédito reservado que, por outra banda, deberá aprobarse no pleno de mañá mércores.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, sinala que as melloras que se levaron a cabo poderían estar en perigo de non facerse estes investimentos puntuais, tanto na  cuberta como no interior. É partidario de realizar un investimento maior no futuro que cambie por completo a cuberta e o sistema de impermeabilización, aínda que é consciente de que nestes momentos non é economicamente viable. Cre que durante o próximo ano poderíase estudar un novo proxecto de transformación do teitume da piscina e para iso xa pensa en solicitar unha nova axuda do ente provincial. “Creemos que hai que dar unha solución integral ao problema da cuberta, pero nestes momentos non existe crédito suficiente para acometer esa obra. Agora é momento de reparar a cuberta de forma puntual para que os veciños gocen canto antes da piscina”, indicou.

15 de setembro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.