O Concello da Lama logra unha subvención de 120.000 euros para construír unha nave de xestión de residuos no polígono de Racelo
O Concello da Lama conseguiu unha subvención de 120.000 euros, outorgada pola Consellería de Industria, para a construción dunha nave no polígono industrial de Racelo que irá destinada á xestión de residuos. Esta construción ten unha presuposto base de execución que rolda os 150.000 euros, aproximadamente.
O alcalde, Jorge Canda, mostrouse moi satisfeito por esta axuda xa que permitirá ao Concello da Lama dispor dunha nave para a xestión de residuos producidos no municipio e que servirá ademais para manter a maquinaria e utensilios usados na recollida de lixo gardados e almacenados nun lugar adecuado.
O prazo estimado de construción desta nave será duns cinco meses e permitirá dispor ao Concello da Lama dunhas instalacións adecuadas para proceder a almacenar colectores, así como maquinaria e demais elementos que favorezan un mellor servizo ao cidadán en materia de recollida de residuos sólidos urbanos.
Jorge Canda destacou a sensibilidade mostrada pola Consellería de Industria neste tema posto que permitirá ao Concello da Lama avanzar na súa política de recollida de residuos sólidos urbanos en todo o municipio co fin de prestar o mellor servizo ao cidadán independentemente do seu lugar de residencia, en núcleo urbano ou rural.