publicidade hoxe

Economía e Industria apoia con 33.000 euros a realización de melloras na praza de abastos de Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+
Sol Vázquez na visita á praza de abastos de Rianxo

Sol Vázquez na visita á praza de abastos de Rianxo

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá a praza de abastos de Rianxo, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local no que se van realizar melloras por parte do Concello, ao que a Consellería de Economía e Industria vén de conceder unha axuda de máis de 33.000 euros. As actuacións previstas céntranse na reparación das filtracións que se producen na actualidade no acceso ao mercado municipal pola praza pública.

A Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

15 de setembro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.