publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A senda peonil na estrada entre Anllóns e Ponteceso estará rematada a mediados de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteceso
A-
A+
Ethel Vázquez en Ponteceso

Ethel Vázquez en Ponteceso

Ethel Vázquez adianta que a senda peonil na estrada entre Anllóns e Ponteceso (AC-423) estará rematada a mediados de outubro. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas visitou hoxe estas actuacións que está a desenvolver a Xunta, xunto co alcalde de Ponteceso, Lois García.

Vázquez lembrou que nestes días celébrase a Semana Europea da Mobilidade, unha conmemoración que busca sensibilizar e avanzar cara a unha mobilidade cada vez máis sustentable; fomentando o desenvolvemento de infraestruturas e sistemas de transporte que respondan ás necesidades dos cidadáns e, ao tempo, reduzan ao mínimo o impacto sobre o medio. Neste sentido, a conselleira destacou que a senda visitada hoxe é un claro exemplo da aposta que a Xunta está a realizar pola mobilidade sustentable.

A actuación desenvólvese ao longo de 1,6 km da marxe dereita da estrada AC-423, entre Anllóns e Ponteceso. Esta vía favorecerá a mobilidade dos cidadáns; facilitará unha maior seguridade na circulación para o conxunto dos usuarios; e contribuirá a fomentar hábitos e comportamentos máis respectuosos co medio.

A titular de Medio Ambiente subliñou que se trata dunha obra necesaria, demandada dende fai anos polo anterior Goberno municipal, cuxa contratación se iniciou en marzo deste ano, e que xa está moi avanzada. Precisou que as obras marchan a bo ritmo, xa que actualmente están executadas nun 60%.

Ethel Vázquez engadiu que á vista da situación da calzada procederase tamén á rehabilitación do firme ao longo de preto dun quilómetro (930 metros), o que suporá un investimento total de máis de 300.000 euros.

Outras actuacións

Por outra parte, a conselleira lembrou que este proxecto non é a única intervención coa que se fomenta a mobilidade sostible na zona, xa que a principios de outubro comezarase unha nova senda peonil de 550 metros, tamén na AC-423, en A Mata – Meixoeiro, no veciño concello de Cabana de Bergantiños.

Vázquez explicou que son actuacións coherentes e coordinadas co Plan de sendas peonís e ciclistas que se está redactando para a Comarca de Bergantiños, un estudo que priorizará e determinará outras necesidades nesta materia e que a finais de 2015 contará con diagnoses e propostas de actuación. Así, adiantou que no primeiro semestre de 2016, poderase proceder á redacción dos proxectos construtivos.

A responsable de Infraestruturas concretou que para este eido a Xunta ten garantidos máis de 35 millóns de euros grazas aos fondos europeos como os que cofinancian a actuación hoxe visitada. Concretou que esta importe sería para sete comarcas galegas, entre as que se atopa a de Bergantiños.

23 de setembro de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.