publicidade hoxe

A D.O. Ribeiro triunfa nas distincións Gallaecia 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseRibadavia
A-
A+

A Denominación de Orixe Ribeiro recibiu un total de 26 galardóns no concurso “Distincións Gallaecia 2015”, no que se presentaron tódalas DD.OO. galegas. Deste xeito, a D.O. Ribeiro resultou a máis premiada de todas as presentadas a concurso. O último panel de cata, formado polos catadores da Asociación de Sumilleres de Gallaecia e técnicos dos Consellos Reguladores galegos,  tivo lugar o pasado día 31 de agosto na Casa Cazoleiro de Meira (Lugo). As Distincións entregaranse nun acto a celebrar a principios do vindeiro ano.

Os catadores que outorgaron os premios destacaron a extraordinaria calidade dos viños do Ribeiro, resaltando a importante evolución que tivo esta Denominación de Orixe nos últimos anos, chegando ao nivel de distinción que hoxe se pon de manifesto cos magníficos resultados acadados. Os viños do  Ribeiro en xeral destacaron pola súa elegancia, complexidade e frescor. Así mesmo, obsérvase que máis da metade dos viños premiados teñen dous ou máis anos, polo que queda confirmada a gran capacidade de garda dos viños de calidade da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

As Distincións Gallaecia cumpren 17 anos

Este concurso conta co selo de “Concurso Oficialmente Recoñecido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente”. Este ano a Asociación de Sumilleres de Gallaecia celebra a edición número 17 deste certame, pero xa dende un primeiro momento se concibiu como un apoio ás zonas vitivinícolas e aos seus medios produtivos.

4 de setembro de 2015 | 10:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.