publicidade hoxe

O cambio das oficinas da Garda Civil dá luz verde ás obras da Casa da Mocidade de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Obras de reforma

Obras de reforma

A mediados desta semana iniciáronse as obras para converter parte da antiga Casa do Concello nun centro para a mocidade e a formación. Os traballos, financiados con cargo a unha partida de 84.000 euros do préstamo provincial do P.A.I., teñen un prazo de execución de dous meses e ao seu remate o edificio contará cun local de ensaio, unha sala de gravación, espazo para xuntanzas e unha grande zona de usos múltiples que, previsiblemente, se destinará á impartición de cursos. O comezo das obras demorouse ata que a Garda Civil tivo completado o seu traslado ás antigas oficinas municipais, onde xa atende ao público desde o mércores en horario de mañá.

A obra arrancou coa demolición das divisións interiores do andar baixo onde noutro tempo estiveran, entre outros servizos, o consultorio médico, a oficina de Correos, a propia Garda Civil e a oficina de Orientación laboral. Será nesta parte do edificio onde se concentre a maior parte do traballo posto que os planos reflicten o local de ensaio, a sala de control e gravación, dous recintos para almacenaxe de equipamento, unha oficina, o oco do ascensor, o cambio das escaleiras de acceso ao primeiro andar, os aseos e unha pequena sala de xuntanzas. Todo cableado cunha instalación eléctrica nova e con canalizacións e conexións tanto de datos como de sonido.

Enriba a cousa será algo máis sinxela dado que o principal espazo dispoñible, o do antigo salón de plenos, quedará practicamente igual en canto a superficie. Desde que se fixo a mudanza para a nova casa consistorial estas instalacións víñanse empregando para charlas e cursos. Ese será un dos seus principais cometidos ao remate das obras de acondicionamento, que tamén abranguen o antigo arquivo e unha oficina con vistas ao claustro do convento do Rosario.

Entre os dous andares sumarán 228 metros cadrados útiles para os que xa se teñen definidas as liñas en canto ao seu contido. Así, a parte baixa servirá para acoller gravacións e ensaios dos grupos de música locais existentes e dos que poidan nacer no futuro, mentres que a superior quedará como sala de usos múltiples e multimedia. O obxectivo municipal é que se continúen impartindo alí todo tipo de accións orientadas principalemente á xente nova e que, ademais, se fagan coa homologación da Xunta como centro formativo. De feito, outra intención do Concello é poñer en marcha un programa estable de cursos relacionados co medio rural, nomeadamente os referidos a cultivos e fructicultura, dos que non existe oferta en toda a área comprendida entre Guísamo e Ribadeo. 

Con todo, a sala tamén permitirá acoller outro tipo de iniciativas, como as do ámbito das TIC”s ou aquelas que demande a xente nova. E é que a futura Casa da Mocidade tamén pretende ser o referente dos programas xuvenís do Concello e asentarse como espazo autoxestionado -alomenos en parte- pola rapazada, de cara a alcanzar unha maior participación social deste sector que supón o 18% da poboación de San Sadurniño.

Os traballos adxudicáronselle á empresa Gonnaba Construcciones y Reformas S.L. por importe de 82.936″35 euros e deberán estar rematados para finais de setembro. Os cartos para financiar a obra incluíronse no Plan de Aforro e Investimentos, unha liña de crédito sen xuros e con dous anos de carencia impulsada pola Deputación da Coruña, dentro da que se reservara unha partida inicial de 84.000 euros. Porén, o que finalmente terá que poñer o Concello non serán eses 82 mil e pico euros, senón que a cifra se verá reducida cunha subvención de 18.000 euros para equipamentos culturais concedida pola Xunta recentemente.

A Garda Civil xa atende no seu novo emprazamento

O inicio das obras retrasouse ata que a Garda Civil puido deixar libre o espazo que ocupaba na parte baixa do edificio para trasladarse ás antigas oficinas municipais. Xa hai case un mes que tiñan feita a maior parte da mudanza. Porén, a demora no cambio veu motivada, segundo parece, pola falla de teléfono e de conexión á rede no seu novo emprazamento. 

Estes pequenos inconvenientes quedaron solventados a principios desta mesma semana e desde o mércores o posto da Garda Civil de San Sadurniño xa atende ao público en horario de mañá nunhas instalacións máis amplas e mellor equipadas que as que tiña ata agora, froito do convenio de cesión asinado entre o Concello e a institución armada. 

7 de agosto de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.