publicidade hoxe

Conde traslada a José Tomé a aposta da Xunta pola dinamización económica en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+
Francisco Conde na reunión co alcalde de Monforte

Francisco Conde na reunión co alcalde de Monforte

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, trasladou hoxe ao alcalde de Monforte, José Tomé, a aposta da Xunta polo impulso á dinamización económica na capital do Lemos a través de iniciativas como o Porto Seco, o impulso do polígono de Reboredo e o apoio ao comercio de proximidade. Conde e Tomé mantiveron un encontro en San Caetano, onde analizaron os distintos proxectos postos en marcha polo Goberno autonómico en relación á dinamización económica, e durante o que o conselleiro subliñou o compromiso da Xunta coa comarca de Lemos e a necesidade de fixar tecido industrial como ferramenta para crear emprego.

Ese compromiso, sinalou o conselleiro, traduciuse en iniciativas como o Porto Seco. Conde informou a Tomé sobre os esforzos que está a levar a cabo o Goberno galego para comercializar os terreos ou acadar un operador loxístico, un traballo que está comezando a dar os seus froitos co compromiso en firme e os avais presentados dunha compañía que, cun investimento de 20 millóns, dará emprego a 35 persoas no eido da xeración de biocombustible.

O conselleiro amosou ademais a confianza en que esa cifra medre proximamente, dadas as rebaixas de chan postas en marcha pola administración autonómica. Precisamente, o rexedor monfortino reuniuse hoxe tamén con responsables de Xestur, que lle trasladaron ao alcalde a disposición deste organismo, así como de Augas de Galicia, a prestar colaboración técnica ao concello no eido do Porto Seco, para que este, no exercicio das súas competencias, adopte as medidas necesarias para garantir o correcto saneamento das augas residuais do polígono.

Durante a reunión entre o conselleiro e o alcalde, Conde abordou co rexedor os apoios da Xunta ao resto de parques empresariais, como pode ser o polígono de Reboredo. Neste senso, trasladoulle a Tomé que a Xunta pon a disposición de todos os concellos galegos liñas de apoio en concorrencia competitiva, para a mellora das zonas comerciais e os parques empresariais, que se suman aos apoios que ofrece ademais no eido da iluminación pública.

No eido empresarial, Conde tendeu a man a Tomé da Axencia Galega de Innovación (GAIN), coa que varias empresas da comarca xa están a traballar en distintos proxectos innovadores, co obxectivo de que o tecido empresarial monfortino aproveite as oportunidades que presentan a aceleradora de empresas Vía Lugo, destinada a impulsar ideas de emprendedores en colaboración coa Zona Franca de Vigo, así como a aceleradora de innovación Agrobiotech, que busca apoiar a pemes lucenses con potencial no agroalimentario, biotecnolóxico e do sector da biomasa.

Este apoio á industria se complementa co respaldo da Consellería ao comercio de proximidade, concretado en iniciativas como o respaldo ao centro Comercial Urbano de Monforte, así como á apertura de varios comercios e o impulso da praza de abastos.

5 de agosto de 2015 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.