publicidade hoxe

As oficinas de turismo de Palas de Rei atenderon máis de 11.000 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+

As oficinas de Información Turística de Palas de Rei atenderon a máis de 11.000 persoas durante os últimos catro meses. O concello, declarado municipio turístico en febreiro de 2015 conta con dúas oficinas de información turística a disposición de todos os visitantes, aínda que, fundamentalmente, para os milleiros de peregrinos que pasaron polo Camiño Francés.

O concello habilitou unha oficina de información nos Chacotes que conta coa atención de dúas persoas de luns a domingo, froito dun convenio coa axencia galega de turismo, onde turismo aportou 8.000€ para o mantemento da dita oficina. Así mesmo, o concello tamén asinou un convenio xunto cos outros concellos da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés para atender a información na propia casa consistorial.

As cuestións demandadas foron sobre todo, información diversa sobre os establecementos hostaleiros, así como lugares que visita no propio concello e na comarca, cuestións sanitarias, cuestións de loxística como transportes, horarios de autobuses, consultas para o traslado de mochilas e consultas sobre servizos municipais. 

O alcalde, Pablo Taboada mostrou a súa satisfacción co resultado obtido nestas oficinas e salientou tamén o traballo realizado polo resto do persoal de información localizado na igrexa-monumento de Vilar de Donas e na Igrexa parroquial de Palas de Rei. 

Dende o concello programan abrir unha oficina de información turística con atención continua durante todos os meses do ano para o cal se está planteando habilitar un espazo no edificio do antigo Centro Comarcal. 

31 de agosto de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.