publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os Pasos de Aiazo encheuse de xogos en familia na segunda edición da Festa Xogueteira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Festa Xogueteira

Festa Xogueteira

A área recreativa Os Pasos de Aiazo (Frades) foi o mellor escenario posible para a celebración da segunda edición da Festa Xogueteira, unha iniciativa gratuíta organizada pola asociación socioeducativa Antonio Gandoy e o Concello de Frades. O tempo acompañou, o que permitiu que a festa tivera lugar por primeira vez na contorna natural de Aiazo e que todas as actividades levadas a cabo fosen moito máis lucidas.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, amósase moi satisfeito polo desenvolvemento desta festa “pois permitiu que pais e nais compartisen un tempo xogando cos seus fillos ao tempo que recibían bos consellos por parte das orientadoras do proxecto educativo Espazos das Familias-Preescolar na Casa, que en Frades leva a cabo a asociación socioeducativa Antonio Gandoy”. Así, os pais e nais acompañaron aos seus fillos polos distintos xogos preparados (xogos de auga, pintura cos dedos, música, contos, construcións…) e que estaban deseñados para estimular as distintas habilidades dos pequenos: arte, música, construción, motricidade…

Día do Neno

Por outra banda, a piscina municipal de Papucín acollerá este sábado 11 de xullo, a partir das 16:00 horas, o “Día do Neno”, organizado polo Concello de Frades. Unha gran festa que se realiza por sétimo ano consecutivo na piscina de Papucín, onde os rapaces poderán xogar tanto cos tradicionais xogos de inchables de terra como con inchables de auga, que adoitan ter moito éxito entre os pequenos.

A entrada é totalmente libre de balde e o Concello de Frades ofrecerá un variado programa de actividades con xogos, obradoiros, festa da escuma e merenda, que correrá a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia para dar a coñecer entre os menores as vantaxes das conservas galegas do mar ao tempo que lles dá aos pequenos a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas.

Así mesmo, o Concello de Frades porá a disposición dos pequenos e das súas familias, tamén de xeito gratuíto, un tren turístico que os levará polas distintas parroquias do municipio. Un tren que alternará viaxes curtas de 15 minutos con percorridos de 45 minutos e nas que se lles amosarán aos pequenos as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias de Frades.

8 de xullo de 2015 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.